Amar os libros

Juan José Lage Fernández - revistaplatero@hotmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

MARTINA MISER

Algunhas propostas para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil nunha biblioteca escolar

28 mar 2012 . Actualizado a las 12:45 h.

En abril coinciden dúas efemérides relacionadas co libro e a lectura: unha xa clásica, que lembra o 23 de abril a morte de Miguel de Cervantes e de William Shakespeare, celebra o Día Internacional do Libro. A outra, aínda que é menos coñecida e está menos divulgada, é o 2 de abril, que conmemora o nacemento do dinamarqués Hans Christian Andersen e por iso é o Día do Libro Infantil e Xuvenil.

Con este motivo, anticipámonos hoxe a estas datas e recollemos algunhas actividades para que nos centros escolares se poidan celebrar, á volta das vacacións, estas conmemoracións como se merecen. Aínda que o ideal sería que as actividades deste tipo tivesen continuidade ao longo de todo o curso e fosen relacionadas unhas con outras no quefacer pedagóxico diario. Ou sexa, que se convertesen en habituais e non sexan só esporádicas. Porque, como asegura Agustín Fernández Paz, premio nacional de Literatura Infantil no 2008, a aula «é o lugar idóneo para adquirir e consolidar a competencia lectora e para fomentar o desexo e o pracer de ler».

O obxectivo principal debe ser crear un ambiente propicio cara á receptividade dos alumnos respecto do feito literario e cultural, espertar sensibilidades e crear inquietudes. As actividades deben ter carácter voluntario e nunca deberían ser avaliables. Non son actividades propiamente de animación á lectura (penso con Pedro Salinas que «a animación á lectura debe estar dentro do libro e non fóra»), senón máis ben actividades dinamizadoras, que deben enmarcarse na Biblioteca do Centro. E non sería mala idea que este espazo fose preparado para a ocasión.

As actividades aquí explicadas poden agruparse en tres bloques: exposicións, encontros temáticos ou literarios e xogos e concursos. Todas elas deben dar pé a participar, observar, escoitar e xogar.