Narracións na Costa da Morte

Juan José Lage Fernández - revistaplatero@hotmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un escenario mítico e romántico para tres novelas xuvenís

21 mar 2012 . Actualizado a las 11:44 h.

A Costa da Morte é unha franxa que se estende entre Malpica e Fisterra, con pobos tan populares e pintorescos como Corme e Laxe, Muxía ou Camariñas. Terra mítica, dado o abrupto das súas costas e os recunchos das súas rías, enmarcada nunha paisaxe brumosa e un clima rigoroso, é terra de lendas co protagonismo do mar bravo, que marca a vida e costumes dos seus habitantes.

Tres novelas para mozos escribíronse tomando como centro a Costa da Morte. Boa oportunidade, pois, para achegarnos a unha zona que aínda conserva moito da súa natural beleza.

«O futuro roubado (unha aventura de Sheila e Said)»

- Ramón Caride. Editorial Anaya (Sopa de Letras), Madrid, 2011.

- A partir de 11 anos.

- Ilustracións en branco e negro de Miguelanxo Prado. Versión en español de María Jesús Fernández.

Transcorre o 2077 e os irmáns Sheila e Said, no seu transportador impulsado por enerxía solar, viaxan ao ano 2000, a un lugar da Costa da Morte onde unha empresa pretende construír un enorme xerador eléctrico. Os veciños oponse porque cren que destruirá a paisaxe, pero hai moitos intereses escuros, polo que os irmáns, apoiados por un xornalista, viaxan a Brasil, onde descobren que Norelecsa é unha empresa sen escrúpulos e que pretende construír sobre un castro, ocultando o feito aos medios.

Narración a medio camiño entre a ciencia ficción, a novela ecolóxica e a trama detectivesca, sensibilízanos dun xeito sinxelo, sen complicacións lingüísticas, sobre a corrupción, a especulación desmedida e o caciquismo aínda presente. E falando tamén sobre a importancia da liberdade de prensa. Hai citas sobre Coristanco, Carballo, A Laracha, á parte doutros lugares de Galicia e o diario de referencia é «O Eco de Galicia».

A vaca de fisterra e a trabe de alcatrán

- Marilar Aleixandre. Edelvives (Ala Delta), Zaragoza, 2003.

- A partir de 11 anos.

- Ilustracións en branco e negro de Lázaro Enriquez. Hai versión en castelán.

Cando Carlomagno invade Duio (o país dos dragóns: a terra que limita ao norte co areal de Rostro, ao sur co cabo Fisterra, ao leste coa praia de Langosteira e ao oeste con América) tras a pista da trabe de ouro, asociada á trabe de alcatrán, todo queda destruído por unha mancha de chapapote e os seus habitantes (o dragón Basilio entre outros) deben buscar refuxio no subsolo, que pasa a chamarse Nañiruot.

Miro atopa o amuleto de ouro perdido polo dragón e por iso é capaz de trasladarse a Nañiruot, onde coñece a Morgana. Guiados pola Vaca de Fisterra (así é como chaman actualmente á bucina do faro), conseguen desenmascarar os plans de quen van de novo tras a pista da trabe de ouro.

Historia que se desenvolve entre o onírico e a lenda, xogando coa linguaxe (os palíndromos, por exemplo) e con alusións ao folclore e ás tradicións. E con alusións críticas á cobiza e a favor da protección do medio ambiente. Alusións a Touriñán, O Pindo, o río Xallas, Corme e á pedra da Serpe.