Moito máis que papel

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os selos editoriais de Galicia ofrecen un abano de títulos que vai de propostas con sabor a Nadal á interpretación de obras de arte e acontecementos históricos

21 dic 2011 . Actualizado a las 15:24 h.

«A TOUPIÑA QUE QUERÍA SABER QUEN LLE FIXERA AQUILO NA CABEZA»

W. HOLZWARTH E W. ERLBRUCH

EDITORIAL KALANDRAKA, 2011.

Este libro de iniciación á lectura, cunha edición que inclúe sons, acadou o Premio Alemán de Literatura Infantil pola súa orixinalidade. O argumento da historia é sinxelo e moi simpático. Unha toupiña atópase un «agasallo» inesperado na cabeza, un tocado de cheiro estraño, e emprende unha ardua investigación para dar co responsable e pedirlle contas.

A obra está tamén accesible en castelán e dispón ademais de traducións ao catalán, ao portugués e ao vasco.

Tradución de Franck Meyer

PRIMEIROS LECTORES

«UN CADRO DE...»

CLAIRE D?HARCOURT

EDITORIAL FAKTORÍA K, 2011.

Pode que os selos máis significativos beban dos clásicos, pero a innovación das formas marca a diferenza. Faktoría K distínguese como unha das editoras que máis escapan dos camiños trillados e os produtos en serie. Un cadro de Picasso é unha das obras de literatura infantil que integran unha colección que interpreta as obras de arte dende un enfoque humano. Un cadro de... é un xeito alternativo, moi visual, de aprender historia.

Neste caso, a do bombardeo de Guernica en 1937 por avións alemáns, desfeita que inspirou unha das grandes obras da pintura. «Entrar no cadro» e explorar a fondo cada un dos seus recantos é a proposta desta colección de arte comprometida.

Tradución de Xosé Ballesteros

A PARTIR DE 8 ANOS

«O CREBANOCES»

MARÍA CANOSA E DAVID PINTOR

PABLO ZAERA EDITOR, 2011.

O crebanoces é un libro singular non só pola beleza da historia que conta. Baseado no orixinal de E. T. Amadeus Hoffmann, esta obra, unha versión reducida do clásico adaptada aos pequenos da casa, xurdiu dunha desas cadeas de azares da vida que semellan previstas pola maxia. O crebanoces é froito dun paseo do ilustrador David Pintor que o levou ata a librería Cascanueces, aberta hai un ano na Coruña por alguén para quen a obra orixinal ten un significado especial. Os xoguetes cobran vida neste conto de romántico sabor.

A obra foi editada tamén en español

A PARTIR DE 5 ANOS