A paciencia de Transnistria

Brais Suárez
Brais Suárez TIRÁSPOL

INTERNACIONAL

Sede do goberno de Transnistria, en Tiráspol
Sede do goberno de Transnistria, en Tiráspol Brais Suárez

Un país non se moderniza até que perde as súas guerras coloniais. Algunhas, que de lonxe parecían resoltas, ameazan con reactivarse

04 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Viaxar é un exercicio eminentemente sensorial e, como tal, suxeito á trampa do novidoso. O que rompe cos moldes do visitante, ou o que cumpre cos estereotipos do lugar visitado, adoita esnaquizar as xerarquías da realidade; é dicir, pérdense as referencias para xulgar o contexto que en última instancia define unha sociedade.

Esta é unha crónica en retrospectiva, coa vantaxe que o tempo e os acontecementos ofrecen para tecer os cabos entre o sorprendente e o auténtico dun lugar. Desenvólvese no 2016, coa resaca da anexión rusa de Crimea e do cruento Maidán. Comeza na cidade ucraína de Odessa, daquela con aspecto de balneario tsarista, e continúa a través desa fronteira espiñenta que a separa de Moldova. Xa na súa capital, Chisinau, a xente bule para mercar, en ateigadas beirarrúas e toldos improvisados, os últimos alimentos antes de cruzar a estrada e meterse nunha marshrutka (minibús interurbano) cara a outras rexións do país.

Avoas cargadas comparten con mozos mochileiros unha das poucas furgonetas que saen cada mañá cara a Tiráspol. Elas saben o que ocorrerá porque volven á casa; eles, sen agochar un pouso de morbo, procuran ratificar os estereotipos postsoviéticos que os trouxeron até aquí. Visitan a historia, pensan, algo pasado, pero, unha hora despois, agardan noutra «fronteira», de aspecto caricaturesco, pero real: fouces e martelos, estética militarista, mobiliario doutro século, as bandeiras transnistria e rusa enlazadas... Os gardas, sen selar os pasaportes estranxeiros, limítanse a conceder autorizacións de visitas diarias. Revisan as equipaxes, o maleteiro. Ordenan a un rapaz que borre as fotos que acaba de facer aos retratos queimados que presiden a instalación.

A partir de aí, comeza a República Moldova de Pridnestrovia, un lugar que ficou entre dúas épocas e tamén entre dúas terras. En 1990, a rexión declarou a independencia unilateral ante o que consideraba un excesivo achegamento a Bucarest por parte de Chisinau, algo que dous anos despois derivaría en enfrontamentos armados e uns acordos trilaterais máis ou menos discutidos e máis ou menos respectados até hoxe. A terceira pata é unha Moscova que, malia non recoñecer a independencia da rexión, continuou apoiándoa económica e militarmente. Ignoraría, iso si, o referendo do 2006, no que o 97 % dos transnistrios pediron, segundo as autoridades locais, unirse a Rusia en calidade de exclave. Convocárase daquela un congreso con todas as autoridades políticas da rexión, un xesto excepcional que se repetiu o pasado martes para solicitar a protección de Rusia. Son, máis ou menos, os pasos que seguiron as repúblicas autoproclamadas do Dombás hai dous anos. Semellante é tamén o interese que Rusia pode ter en axudar: desestabilizar (máis) a un potencial membro da OTAN.

No 2016, os rapaces chanceaban (chanceabamos) ante os Lenin de bronce, a activa Casa dos Sóviets, os supermercados sen marcas, os rublos de imitación ou o extremo sosego de calquera lugar público. Sentíase neles a vixilancia típica dos sitios nos que as leis non serven aos cidadáns. Pero todo parecía dunha extravagancia irrealizábel e, por iso, aquelas arelas («se xa teñen Crimea, pronto chegarán aquí» ou «só precisamos que cheguen a Odessa») soan hoxe menos fantasiosas.

O oculto, o que daquela e na propia Transnistria non era tan sinxelo ver, si se comprende agora como a onda expansiva dun estoupido inextinto. Custa imaxinar que a Unión Soviética, forxada en tres grandes guerras, se extinga sen a mesma violencia. Os ecos foron estrondosos en Chechenia, Osetia, Karabakh... pero outros, que permaneceran apagados, ameazan con reactivarse. Un país non se moderniza até que perde as súas guerras coloniais, e até que Rusia comprenda que eses territorios non lle pertencen, ou até que eles saiban existir libremente, será difícil resolver se Transnistria agardou ou non en balde.