Unha boa nova para Galicia?

Miguel A. Bastos Boubeta OPINIÓN

INTERNACIONAL

08 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

soño de Pedro Sánchez sería que se repetisen en España os resultados das eleccións portuguesas. Un Partido Socialista subindo e case acadando a maioría absoluta. Seus socios na vella gerigonça, (que Costa quere repetir ampliada cunha nova forza, o Livre), o Bloco de Esquerda e a coalición liderada polo Partido Comunista, manténdose ou cunha moderada baixa respectivamente. Incluso cun deles, o animalista, PAN subindo substancialmente, o que proba que non foron castigados polo apoio a Costa. E sobre todo unha caída moi importante da dereita portuguesa -que optou por ir dividida en varias forzas-, incluíndo a ultradereita do Chega, que cun só deputado parece centrar boa parte da atención pola novidade de contar cunha forza destas características en Portugal e o liberalismo tamén novo na estatista política portuguesa en da Iniciativa Liberal, que tamén obtivo un deputado. Esta división nun sistema electoral moi parecido ao español, con distritos de tamaño moi desigual e fórmula D’Hondt, perxudicounas enormemente. A proba e a dimisión instantánea de Assunçao Cristas, lideresa do CDS-PP, polos desastrosos resultados obtidos, mentres que a continuidade do líder da oposición, o socialdemocráta Rui Rio, pode verse discutida pola súa política de pactos co actual presidente.

Só hai unha cousa certa: que Costa vai repetir de primeiro ministro de Portugal con toda a comodidade e podendo escoller aliado, pois cun só halle chegar, a diferenza das anteriores eleccións nas que quedou segundo e tivo que pactar con todas as forzas da esquerda. Nesta ocasión, estas forzas pelexan o privilexio de ser o parceiro do actual gobernante, ao cal xa se ofreceron. O presidente español, un dos primeiros en felicitar ao reeleito, a bo seguro que buscará a súa compaña na nosa campaña.

Non é mala noticia para Galicia. O actual Goberno, a pesar de ser moi mal recibido ao principio, garantiu estabilidade ao país veciño e conseguiu tiralo da postración case crónica na que se atopaba, levando a cabo políticas duras e impensables por estes pagos (aínda lembro as proclamas do Goberno presumindo do déficit cero ou o plante de Costa contra as melloras salariais aos profesores). Eu son dos que penso que un país non gaña nada tendo veciños pobres e que gaña moito se estes melloran e prosperan, pois a pesar de que poidan potencialmente competir con nós tamén é garantía dun mercado potencial próximo aos nosos produtos e servizos, tanto aquí como alí. Tamén se os salarios de alí soben correse un risco menor de deslocalización de empresas e pola proximidade cultural unha fonte inmensa de parecerías empresariais. Tampouco é mala cousa que nosos veciños permanezan estables politicamente cun goberno consolidado. As ameazas que moitos temíamos de conflitos sociais en Portugal vense alonxadas o que favorece indirectamente a nosa imaxe como rexión económica da que xa non podemos desligarnos. Aínda que non comparto moitas das ideas do Goberno portugués, creo que non se pode dende Galicia lamentar este resultado.