O mentor político de Netanyahu e contrario aos acordos de paz

PEDRO GÓMEZ-VALADÉS

INTERNACIONAL

Mark Reinstein

Moshé Arens (Político israelí, 1925, Kaunas)

07 ene 2019 . Actualizado a las 17:14 h.

Moshé Misha Arens, nado na extinta Unión Soviética no ano 1925 pasará a historia de Israel por dous motivos principais: un, a súa ampla e exitosa carreira de servizo público e, segundo, -e non menor-, ter sido o «descubridor» e titor político do actual primeiro ministro, Benjamin Netanyahu.

Moshé Arens foi ademais de chanceler con Isaac Shamir, ministro de Defensa en tres ocasións e embaixador en Washington no ano 1982, levando daquela, como segundo da legación, a un mozo Netanyahu, Do seu paso por Defensa é recoñecido dentro e fóra de Israel como unha peza fundamental no desenvolvemento da actual potente industria aeronáutica e militar israelí. Como deputado na Knesset (parlamento israelí) foi electo en diferentes lexislaturas entre os anos 1973 e 1992 e posteriormente entre 1999 e o 2003.

Emigrado da URSS

Arens e a súa familia emigraron no ano 1939 desde a URSS dominada por Stalin a Estados Unidos, onde formouse como enxeñeiro aeronáutico nos prestixiosos institutos tecnolóxicos de Massachusetts e California, chegando a servir no exército norteamericano durante a Segunda Guerra Mundial antes de establecerse xa definitivamente en Israel no ano 1948, unha vez acabado o conflito bélico e a súa vinculación ó Exército estadounidense.

Moshé Arens foi sen dúbida toda a súa vida fiel na súa adscrición política, comezando o seu activismo no movemento xuvenil Beitar, do precursor do Likud, o Herut de Menahem Begin, onde militou ate o seu falecemento a pasada madrugada aos 93 anos.

Mais a longa traxectoria política de Moshé Arens non ten no propio Israel unha valoración uniforme. Porque a pesar de ter sido columnista habitual no xornal da esquerda pacifista israelí Haaretz, a súa posición política e militar foi sempre conservadora, moi dura e firme, posicionándose como escéptico -cando non contrario- a diferentes tratados de paz asinados por Israel, desde a retirada do Sinaí e a paz con Exipto aos Acordos de Camp David e Oslo. Descanse en Paz Moshé Misha Arens.

Pedro Gómez-Valadés é presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel.