Pinochet deixa parte da súa fortuna á muller e ás fillas, pero non cita aos fillos

La Voz EFE | SANTIAGO DE CHILE

INTERNACIONAL

23 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O ex ditador chileno Augusto Pinochet, falecido o 10 de decembro, deixou parte da súa fortuna á súa esposa e tres fillas, sen mencionar aos seus dous fillos, informou o diario El Mercurio . Trátase de 1,5 millóns de dólares que, segundo un documento que Pinochet asinou o 11 de xullo do 2002 ante un notario, mantiña investido nunha empresa mexicana a través do banco estadounidense Coutts, que pertence ao grupo español Santander Central Hispano (SCH). Tras estalar no 2004 o escándalo das contas secretas que Pinochet mantiña en bancos estranxeiros, ese diñeiro foi embargado pola Xustiza. No documento, Pinochet deixa os 1,5 millóns de dólares en partes iguais á súa esposa, Lucía Hiriart, e ás súas fillas Lucía, Verónica e Jacqueline e non menciona aos seus fillos Augusto e Marco Antonio. A empresa na que estaba o diñeiro, a mexicana Pulsar, crebou, polo que a suma quedou reducida a 954.000 dólares, sinala El Mercurio . Cando o ex ditador morreu estaba procesado en tres causas por violacións aos dereitos humanos e por fraude ao fisco e utilización de pasaportes falsos no xuízo polas súas contas secretas, nas que, segundo a investigación xudicial, acumulou unha fortuna superior a 26 millóns de dólares. No mesmo documento repártense fincas pero a información non desvela a quen.