Vilagarcía xa vive baixo o Embruxo Celeste

M. V. F. VIGO

ZONA CELESTE

A nova peña celebrou onte a súa inauguración

13 sep 2017 . Actualizado a las 14:12 h.

«Unha festa marabillosa onde todo o mundo o pasou xenial e non faltou de nada». Así fala Guillermo Martínez, presidente de Embruxo Celeste, de Vilagarcía do acto de inauguración da nova peña, que se celebrou este martes. Contou coa presenza do presidente da Federación de Peñas do Celta, Pepe Méndez; o delegado do clube, Vlado Gudelj, e os xogadores Sergi Gómez e Andreu Fontás, que fixeron as delicias do cento de afeccionados que acudiron.

 Embruxo Celeste conseguiu en poucas semanas de funcionamento contar con arredor de 50 peñistas de todas as idades. Xa teñen bufandas e sudadeiras propias e están levando unha actividade frenética nestes primeiros meses de vida. E durante este tempo esperaban ansiosos que chegara o evento de onte. «Os xogadores portáronse xenial e desfrutaron tanto nenos como maiores», indica Guillermo.

 Houbo tempo para os discursos, os agasallos, o son das gaitas -interpretaron o Himno do Celta-, as fotos cos xogadores e o acto pasou nun suspiro. «A xente o pasou tan ben que costaba traballo marchar. Foi un día fermoso para todos e quedamos moi contentos», sinala Guillemo. O inicio dun embruxo que esperan que vaia para longo.