Doutor Cota, o rexurdir dunha peña dos anos 40

ZONA CELESTE

Xuntanza de peñistas nos anos 60, aínda que a fundación foi dúas décadas antes
Xuntanza de peñistas nos anos 60, aínda que a fundación foi dúas décadas antes CEDIDA

No 2013 un grupo de aboados decidiu que o sentimento celtista da vila da Estrada volvera ter reflexo nunha agrupación federada

03 ago 2016 . Actualizado a las 11:21 h.

Xa nos equipos dos que nace en 1923 o Celta, Vigo e Fortuna, había xogadores orixinarios da localidade da Estrada e bisbarra. Aí está en boa medida a orixe do arraigada que está a tradición celtista na zona. «Nos anos 40, Herminio Bahamonte, comerciante lucense afincado na vila estradense, fundou a Peña Celtista da Estrada», lembra o presidente da agrupación herdeira daquela, que hoxe leva o nome do doutor Cota, Francisco Puente Muíña.

A meirande parte da plantilla estivo presente na inauguración da peña, xunto co propio Cota
A meirande parte da plantilla estivo presente na inauguración da peña, xunto co propio Cota

Aquel primeiro colectivo celtista da Estrada estivo activo durante arredor de catro décadas, sempre presidido pola mesma persoa. «Nalgún momento chegou a ser a segunda peña en número de socios por detrás da de Santiago e exeptuando Vigo e a súa área de influencia», relata orgulloso Puente Muíña. Pero pasado ese tempo, a agrupación orixinaria foi caendo aos poucos na inactividade. Ata que no 2013 un novo grupo de celtistas decidiu refundala.

«Coincidindo con aquela permanencia agónica, un grupo de aboados decidimos fundar unha nova peña que se mirase no espello daquela histórica e que tivese unha dimensión máis actual», prosegue. A este último propósito responde o feito de que leven o nome do doutor Cota, estradense que actualmente dirixe os servizos médicos do clube. «Aceptou a nosa proposta na concentración de Melgaço un día de triste lembranza nos camiños de ferro composteláns», di en referenza ao sinistro do tren Alvia da que se acaban de cumprir tres anos. O mesmo tempo de vida que veñen de celebrar eles.

Cota e xogadores, na presentación da agrupación actual, no 2013
Cota e xogadores, na presentación da agrupación actual, no 2013 fran brea

Con esa xornada como punto de partida, comezaron os trámites para o rexistro oficial na Federación de Peñas. Pasaron así uns cantos meses ata que en abril do 2014 celebraron a súa presentación oficial. «Foi nun acto no Teatro Principal da Estrada, enchendo un aforo de aproximadamente 300 persoas, cunha presenza moi ampla de xogadores e integrantes dos distintos estamentos do clube». Non faltou, como non podía ser doutro xeito, o propio Cota.

No primeiro ano de vida lograron rebasar a barreira dos tres centros de asociados, mentres que actualmente rondan os 250. Sen sede social, si que contan con páxina web propia e promoven diferentes actividades. «Facemos unha cea anual cos socios e aos partidos de Balaídos temos ido en bus autofinanciado ou cofinanciado con outras peñas. Ás veces os horarios dos partidos fan que vaiamos en coches particulares», sinala.

Un membro emigrado da peña, hai uns días coa plantilla en Uruguai
Un membro emigrado da peña, hai uns días coa plantilla en Uruguai

As súas iniciativas complétanse coa asemblea anual -«as contas das tres tempadas pecháronse con superávit», celebra o máximo mandatario da peña- e o balance destes anos é positivo. Con socios maioritariamente residentes na comarca, contan con integrantes en Uruguai que recentemente tiveron oportunidade de saudar a Cota na xira do equipo. A súa ilusión é seguir aglutinando ao celtismo na Estrada e «ver un Celta compaxinando a maior cantidade de xogadores galegos coa menor de foráneos». Se pode haber algún da Estrada, como Gonzalo Varela en tempos da Guerra Civil, mellor.

Unha das comidas que organizan con periodicidade anual
Unha das comidas que organizan con periodicidade anual