Pepa a Loba, cultura, solidariedade e celtismo en Muros

A peña muradana, camiño dos 25 anos de historia, apostou por combinar a afección ao clube con outras inquedanzas constituíndose como asociación

.

Vigo

Celtismo, si, pero moitas cousas máis a maiores, tamén. Bromea o seu presidente, Marco Antón Loxo, con que o nome da súa peña non é precisamente curto, pero é que a Asociación Cultural e Recreativa Peña Muradana Celtista Cuadrilla de Pepa a Loba naceu coa afección ao Celta dos habitantes de Muros como base, pero tamén coa vocación de servir para dinamizar a cultura na vila e para asumir un marcado carácter solidario.

«Estamos moi afastados de Vigo, así que desde o principio tivemos claro que para seguir funcionando tiñamos que abarcar outros campos, de aí que nos constituiramos como asociación», explica Loxo. El mesmo, nunha época na que residía en Francia, foi o que tivo a idea de formar o colectivo, recollendo a inquedanza celtista que a tantos e tantos muradáns lles foi transmitida por seus antepasados. «Os pais de moitos de nós ían a Vigo con bolsas detrás dos camións de peixe. Logo de cambiarse aproveitaban para ir ver o partido e a continuación saír de festa», rememora o presidente.

.

Aqueles tempos quedan lonxe, pero os vínculos creados daquela perduraron no tempo en forma dunha férrea afección polo cadro vigués. «Había moita relación comercial, moitos armadores de Muros con base en Vigo, moita xente mariñeira de aquí que facía máquinas na escola de Vigo... De aí foi nacendo ese celtismo tan arraigado, e tamén porque era o equipo galego que en máis ocasións estaba en Primeira», recorda. En tempos máis recentes admite un repunte da afección polo Deportivo que se viu abaixo nos últimos anos. «Penso que nós somos máis fieis», reivindica ao tempo que asegura que Muros se divide entre os que «son celtistas e se consideran das Rías Baixas e os do Deportivo que se sinten máis da provincia da Coruña».

Cando fala da fidelidade dos celtistas en xeral e dos muradáns en particular, Marco non se queda nas verbas, senón que xustifica o seu discurso. «Durante os anos de Segunda non nos resentimos nada, seguimos aí igual que nos bos momentos coma o actual, sempre mirando ante todo polo Celta», comenta. Volvendo á comparación co eterno rival, asegura que non hai pique coa peña deportivista, aínda que si «algún que outro vacile» de cando en vez. «O certo é que cando eles estiveron en Segunda xa empezaba a haber máis xente do Madrid e do Barcelona e menos do Deportivo», reitera. 

.

En canto aos seus membros, foron arredor de dez fundadores, chegando a 60 membros xa no primeiro ano e rondando agora mesmo os 200, cifra arredor da cal se estabilizaron. «Temos xente de todas as idades, tamén moitos nenos fillos dos socios», subliña. Iso animounos a ter entre as súas actividades moitas dedicadas ao público infantil. «Facemos unha romaría no Ancoradoiro, nun pinar que hai ao lado da praia de Muros. Logo tamén temos feito excursións a partidos, comidas, ceas e bailes...», enumera.

Algo que se perdeu polo de agora son as viaxes a Balaídos que facían en autobús. Pero iso non significa que non estean presentes nos partidos. «Os que somos aboados, que somos quince ou así, agora adoitamos ir en coches. Estamos basicamente en Marcador, e tamén en Río Alto». Relaciónanse sobre todo coa peña máis próxima xeograficamente a eles, a de Noia, e tamén teñen un vínculo estreito con outras como a compostelana Merlegos Celestes ou a lalinense Siareiros Dezaos.

.

No que se refire á vertente cultura, destaca a súa colaboración no festival Castelo Rock, xa con catorce edicións de éxito ás costas. «Tamén con nos dedicamos a recuperar festas do pobo que se perderan, por exemplo nalgúns barrios. E tamén organizamos unha romaría en torno a unha capela que se reconstruíu no monte. Nós damos o primeiro paso con este tipo de iniciativas e logo deixamos que sigan o seu curso», sinala. No que si seguen implicados de principio a fin e nun proxecto solidario en Bolivia co que Pepa a Loba colabora desde hai anos. «Iso fai que andemos xustos cos cartos para outras cousas», admite. Pero paga a pena.

Con sede no Hotel Muradana, van camiño dos 25 anos cumprindo o obxectivo co que se puxeron en marcha. «Queriamos dar pulo ao celtismo na bisbarra e organizarnos mellor para facer viaxes. Xa eramos un grupo grande de xente que nos coñecemos todos de falarnos e grazas á peña seguimos unidos en torno ao Celta». Precisamente, o seu nome ten que ver con esa idea. «A principios dos 40 había un grupo de xente moi do Celta que facían foliadas e festas con acordeón. Un día estabamos nós xuntos, pasaron uns vellos e dixeron: 'Mira, aí tes á cuadrilla de Pepa a Loba'». E xa quedou. 

Votación
4 votos

Pepa a Loba, cultura, solidariedade e celtismo en Muros