Colectivo Nós, celtismo e galeguismo a partes iguais

ZONA CELESTE

Foto de familia dalgúns dos compoñentes do Colectivo Nós.
Foto de familia dalgúns dos compoñentes do Colectivo Nós. CEDIDA

A agrupación viguesa, creada no 2013 pero nutrida de celtistas moito menos recentes, parte desas dúas premisas básicas

11 jun 2015 . Actualizado a las 18:10 h.

Aínda co celtismo como trazo principal -non podía ser doutra maneira- o Colectivo Nós afástase voluntariamente do prototipo de peña de afeccionados dun equipo de fútbol. Primeiro, porque tan importante coma a súa paixón polo Celta é para eles o feito de definirse como galeguistas. Despois, pola súa estrutura e o seu funcionamento, desde o propio nome -fuxindo do termo «peña»- ata as actividades que organizan e a súa maneira de entender a súa afección. Nada disto esta pelexado con manter unha excelente relación co resto das agrupacións celtistas, pois a tolerancia e o respecto están tamén, aseguran, entre os seus principios básicos.

No seu desprazamento a Bilbao para presenciar o partido entre Celta e Athletic.
No seu desprazamento a Bilbao para presenciar o partido entre Celta e Athletic.

O Colectivo nace logo da permanencia do 4 %, no verán do 2013. Entre os impulsores había xente que pertencía a previamente a outras peñas, así coma outros que nunca o fixeran. Pero todos eran celtistas desde anos atrás e a maioría -máis dun 90 % dos arredor de 70 que son hoxe-, abonados do clube. «Organizamos unha cea de fin de tempada con xente que adoitabamos viaxar co equipo e aproveitando a ilusión desa permanencia, empezamos a darlle forma e a facer xuntanzas para ver en que podía consistir o noso proxecto», lembran. A fundación foi o 16 de setembro daquel ano, nunha asemblea aberta no parque de Castrelos na previa do Athletic-Celta que estreaba o novo estadio de San Mamés.

Dous membros, con Berizzo tras finalizar a Invasión Celeste o pasado decembro.
Dous membros, con Berizzo tras finalizar a Invasión Celeste o pasado decembro.

«Para nós é fundamental o compromiso identitario con Galicia. Vemos no Celta ao equipo da terra e, de feito, os fundadores nas súas orixes foron un grupo de galeguistas», subliñan. Daquela existían as Irmandades da Fala e «un orgullo de ser galegos máis forte que o que hai agora», por iso queren contribuír a recuperar ese sentimento e a «manter a chama viva», co celtismo e o galeguismo sempre da man. Para eles é importante que todo o que se queira sumar teña claros estes conceptos. «Non lle damos importancia ao número de membros nin facemos campañas de captación, sinxelamente a quen se achega lles explicamos isto e ten que identificarse connosco».

No Colectivo Nós hai practicamente o mesmo número de homes que de mulleres e non admiten a menores de 18 anos como membros oficiais por temas burocráticos -aínda que non lles pechan as portas a participar nas súas actividades-. As súas decisións se toman de maneira asemblearia nas reunións que adoitan manter cada quince días e a denominación de «colectivo» responde á súa idea de organización. «Fuximos de que haxa cinco ou seis persoas de mando e ordeno co resto facendo unha vida pasiva. Buscamos que todo o mundo se implique na súa medida e participe».

Nunha mobilización desta tempada contra as esixencias da Liga para a entrada aos estadios.
Nunha mobilización desta tempada contra as esixencias da Liga para a entrada aos estadios.

Esas actividades inclúen os desprazamentos co equipo. Aparte de organizar viaxe ao último derbi, contaron con representación en case todas as saídas da afección para acompañar ao Celta nesta última tempada. Indo un pouco máis alá do fútbol, o seu compromiso e a súa vertente reivindicativa leváronlles, por exemplo, a organizar un torneo de peñas para conmemorar o Día das Letras, a lembrar o aniversario da traxedia do Prestige con pancartas de Nunca Máis na grada de Marcador -onde se atopa o groso da agrupación- ou a ter presenza en mobilizacións coma as de Queremos Galego. Entre os seus proxectos está organizar unha visita ás Covas do Rei Cintolo, en Mondoñedo.

Con celtistas doutras peñas no I Torneo das Nosas Letras, o pasado 17 de maio.
Con celtistas doutras peñas no I Torneo das Nosas Letras, o pasado 17 de maio.

Se ben non contan cunha sede fixa tamén por decisión propia, aseguran que é ben doado atopalos. «Sempre andamos por Balaídos nos día de partido. Pero optamos por non ter un sitio fixo estipulado por decreto», expoñen. Non é estraño velos compartir previas con outras peñas nas inmedicacións do municipal vigués, o mesmo que nos desprazamentos. «Cando toca ir ao País Vasco estamos con Zeru Urdin, en Cataluña con Blau, en Madrid con Morriña... O celtismo acolleunos moi ben e ademais somos novos como peña, pero non como celtistas activos». Porque hai unha última cousa que teñen ben clara: «Das mellores cousas que ten isto é viaxar, coñecer xente e facer moi bos amigos». Con moitos deles estarán esta fin de semana na I Romaría Celtista que organiza Merlegos Celestes en Santiago.

Participando da iniciativa 'Gústame o galego' en Balaídos.
Participando da iniciativa 'Gústame o galego' en Balaídos.