Un novo Catamarán Celeste cruza a ría 

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

Vialboa estrea nova peña celtista que xa é oficial e celebrará a súa inauguración o vindeiro 31 de outubro

10 oct 2026 . Actualizado a las 10:37 h.

O celtismo en Vilaboa está de celebración. O motivo ten nome propio, Catamarán Celeste, unha nova peña nacida este pasado verán, despois de que os seus fundadores levaran tempo dando voltas á posibilidade de emprender este proxecto. «Sempre fomos membros non activos doutras peñas e a tempada pasada, cos desprazamentos a Europa e o tema de coller as entradas, dixemos: ‘Por que non?’», conta o tesoureiro, Iván Barros. Fala dun «grupo grande» de amigos que comezaron por informarse dos trámites e, «aínda que non é tan doado» como pode semellar desde fóra, decidiron «tirar para adiante».

Espallados ata agora por outras peñas, xa ían xuntos a Balaídos e víanlle sentido a dar luz verde á sua propia agrupación que os reunise. «Eramos sobre dez ou doce amigos e agora xa nos xuntamos máis de 50 peñistas», máis outros seareiros que tamén amosaron o seu interese pero aínda non formalizaron a inscrición. «Os que comezamos somos case todos do 97, coñecémonos de xogar ao fútbol e de clase, pero lo temos xente maior, xubilada, de todo», conta.

Comezaron as xestións en verán e a día de hoxe son peña oficial, coa inauguración aínda pendente pero fixada para o 31 desde mes de outubro. «A idea que temos con Catamarán Celeste é pasalo ben. Coas previas sempre nos pasou que somos dos que máis horas botamos, dos primeiros que chegamos aos bares», conta divertido. Tamén contan con sede, A de Juan, en Manuel de Castro, cuxo dono é «un amigo máis». A iso suman algún desprazamento fóra de casa cando se pode -terán presenza tanto en Glasgow como en Marsella-. «É ao que máis lle estamos dando importancia», revela.

En canto á elección do nome, barallaron «moitísimas opcións» e había opinións para todos os gustos, pero Catamarán Celeste acabou por impoñerse. «O típico en Vilaboa é cruzar a ría en catamarán, que te leva a Cangas, a Moaña… E tiramos por aí Foi o punto común que nos pareceu ben a todos, aínda que había outras ideas», sinala. Sóalle a existencia pasada dunha peña anterior en Vilaboa, pero sen demasiada actividade polo menos desde que Barros ten uso de razón.

Eles, pola súa banda, están abertos aos afeccionados que se queiran sumar a este catamarán xa en marcha. «Cantos máis sexamos, mellor. Xa estamos en redes e calquera que queira contactar con nós, pode facelo sen problema», engade. E asegura que, aínda que o gran momento que vive o celtismo axudou a poñerse en marcha, non foi determinante, porque o celtismo dos impulsores da peña vén de moito máis lonxe. «Somos abonados moi antigos para as nosas idades, andamos entre o 2.900 e o 3.000. Estabamos en Segunda, sendo aínda bastante máis pequenos», lembra. Así, foi máis unha cousa de decidirse eles a dar o paso. E xa emprenderon o seu camiño.