Fredi Álvarez: «O punto de doce non xera presión; temos que trasladar as boas sensacións aos resultados» 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Fredi Álvarez, con sus jugadores, en el entrenamiento del Celta Fortuna de este viernes.
Fredi Álvarez, con sus jugadores, en el entrenamiento del Celta Fortuna de este viernes. Oscar Vázquez

O adestrador do Celta Fortuna espera «un partido igualado, de moito ritmo ante un rival parello», a Real Sociedad B, o outro filial de Segunda 

09 oct 2026 . Actualizado a las 14:32 h.

O adestrador do Celta Fortuna, Fredi Álvarez, subliñaba na previa do partido ante a Real Sociedad B desde sábado que o xeito de levar un punto dos últimos doce «non xera presión». Lembra que sabían que «non ía ser fácil» e queda coas boas sensacións que teñen, iso si, «que trasladalas aos resultados». «Quedo con como están sendo as derrotas; o equipo está competindo ben. Aínda non puidemos ter un equipo estable e solvente podendo escoller en todas as posicións, pero non pode servir de escusa», di ao tempo que asegura que veñen dunha boa semana de traballo.

Non agocha o moañés que «as vitorias dan confianza», pero ve ao vestiario «tranquilo» logo da visita ao Molinón. «O partido da semana pasada deunos confianza, independentemente de que o resultado fose adverso, por como rematamos nese escenario e cun home menos 45 minutos. Concedemos moi pouco. Hai que trasladar as sensacións aos resultados», incide.

E cre Fredi Álvarez que este partido é unha boa ocasión, ante un equipo que tamén é filial e ao que lle ve moitas semellanzas co seu. «Os dous necesitamos gañar e a ver se nós somos capaces de sacalo adiante». Espera «un partido moi igualado, de moito ritmo, e moita intensidade», no que «os erros poden penalizar moito e vai haber moitas chegadas ás areas». «Somos dous equipos parellos, dos que máis corren e presionan, os dous queremos ser protagonistas», expón.

Entre as diferenzas entre os dous filiais que se ven as facianas en Balaídos este sábado, o adestrador celeste salienta a experiencia do rival, que lles saca a tempada pasada de vantaxe. «Pero penso que a idea e o proxecto é o mesmo. Hai anos, cando estaba Carlos Hugo (García Bayón) o noso obxectivo era mirarnos no espello da Real Sociedad. Agora, demos pasos adiante e nós tamén chamamos a atención a nivel nacional», constata.

En canto a nomes propios, di de Andrés Antañón que adestrou con eles este venres, porque a sesión do primeiro equipo ía se de menos ritmo e queren facilitar a súa posta a punto. «É para achegalo, que acelere os procesos para estar disposición do club. É probable que os primeiros minutos os teña con nós e colla ritmo». De Aldrine Kibet comenta que «necesitaba facer gol, vaille axudar a soltarse e vaille dar confianza», pois son conscientes do seu talento, igual ca do de Óscar Marcos: «Fixo un partido brutal, tremendo, botou o equipo ás costas, marcou, xerou perigo... O que se espera del».