O técnico do Celta Fortuna admite antes da visita ao Sporting que foi unha semana complicada polas ausencias e confirma que Hugo Burcio non baixará «ata nova orde»
03 oct 2026 . Actualizado a las 13:35 h.O adetrador do Celta Fortuna, Fredi Álvarez, recoñecía na véspera da visita ao Sporting de Xixón que non está sendo doado ter que facer fronte a tantas baixas, pero tamén garante que o equipo vai competir da mellor maneira e proclama que viaxan a Asturias «con toda a intención de sumar os tres puntos». «Imos sacar once coa mesma camiseta e co mesmo escudo e van dar todo para sacalo adiante, independentemente dos nomes», sinala.
Fredi, ademais, espera «un rival ferido» logo de non poder puntuar a semana pasada no derbi do Carlos Tartiere. «Sabemos que é un derbi moi apaixonado. Van querer dar á súa afección unha alegría, o que non lle puido dar en Oviedo», di. Agarda un partido de moita intensidade fronte a un rival «difícil, moi complexo, que intentará levar o partido a a duelos, ao tema físico». «Temos que intentar adaptarnos ao que nos propoña o rival e a partir de aí tentar ser nós mesmos», sinala.
Leer más: El Celta Fortuna desafía a los elementos
Eles, pola súa banda chegan ben, malia a que a semana «foi moi difícil» porque o parón supuxo ter xogadores propios coas súas seleccións e outros que subiron polas ausencias no primeiro equipo, que sempre e a prioridade. «O vestiario está ben. A semana pasada truncamos unha racha negativa, que é tremendamente importante, e temos que dar importancia a cada punto. Sumar é moi difícil nesta categoría», lembra.
O moañés entende que a semana pasada conseguiron ser «un equipo más sólido», pero lembra que cun partido non serve para sacar conclusións sobre unha mellora neste aspecto e que non abonda con iso. «Foi un paso adiante , permitimos e temos que consolidalo e non retroceder», advirte. Ademais, incide en que no ofensivo non foron o Celta Fortuna que a todo o mundo lle gusta.
Como sempre di, as ausencias son, tamén, oportunidades para outros. «A categoría é un plus de dificultade e as baixas auméntana, pero non por iso imos tolear. Son oportunidades para outros e iremos vendo ata onde chegamos», apunta. E deixa caer que quizais teñen que «dar un paso obrigado con (David) Sueiro, xuvenil de primeiro ano», que entra na convocatoria de novo xunto a Jorge Pérez-Lafuente, que tamén repite, e Noah Rodríguez, que entra por primeira vez este ano e en Segunda. E confirma que Hugo Burcio seguirá no primeiro equipo «ata nova orde».
As baixas son as xa coñecidas, incluído un Stefan Bajcetic co que lembra Fredi que nunca se quixeron poñer prazos, dadas as particularidades da súa recuperación: «O proceso de Stefan é complexo, hai que buscar o momento axeitado para poder incluílo». Si que está de volta, aínda que quedaba un partido máis para Portugal sub-18, Vlad Silva.
Preguntado pola praga de lesións coincidindo coa acumulación de partidos, Fredi deixou clara a súa postura, argumentando que «o poder económico está por diante», fai que haxa demasiadas ventás FIFA e que «non se mira polos xogadores». Lembra que son persoas e que, por moito que se intente traballar con eles da mellor maneira, hai situacións imposibles de controlar.