Fredi Álvarez: «O equipo creceu cando lle perdeu o medo ao partido» 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

O adestrador do Celta Fortuna, Fredi Álvarez, durante o partido ante o Castellón.
O adestrador do Celta Fortuna, Fredi Álvarez, durante o partido ante o Castellón. Xoán Carlos Gil

O adestrador do Celta Fortuna queda co derroche do seu equipo ante o Castellón malia a derrota 

01 sep 2026 . Actualizado a las 00:54 h.

O adestrador do Celta Fortuna, Fredi Álvarez, incidía logo da derrota fronte ao Casellón en Balaídos na terceira xornada de liga (1-2) en que sabían da dificultade do encontro e analizaba o seu desenvolvemento. «Na primeira parte, tiramos un pouquiño o xogo. Estivemos moi brandos, nos duelos non estivemos cómodos e cando se puxeron por diante, complicouse moito moito a cousa», apunta. E engade: «No momento que lle perdemos o medo ao partido, que lle perdemos o medo ao rival, o noso equipo creceu e tivemos as nosas opcións, igual que eles tideron tamén as súas na primeira metade».

Queda Fredi con que os seus foron, novamente, «de menos a máis» e unha vez que se soltou, foi quen de xerar moitas ocasións a un gran equipo», lembrando que este Castellón estivo a piques de ascender hai unhas semanas e que ten un caudal ofensivo importante. «A ocasión de Arcos podía ser ese empate. Tivemos situacións claras, aínda que eles tamén puideron marchar ao descanso con 0-2 ou 0-3. Mantivémonos vivos no partido», aínda que saben que remontar un 0-2 como contra o Andorra non é algo que vaia acontecer con frecuencia. «Na primeira parte, o Castellón foi moi superior e un erro no inicio da segunda, como a semana pasada, volveunos penalizar», lamenta.

A falta de acerto nos últimos metros ten que ser «unha aprendizaxe para os xogadores». «Tivemos situacións claras que deixaron de selo por non ser capaces de de rematar. Temos que intentar que os xogadores de arriba sexan un pouquiño máis agresivos nesa nesa zona», lembrando que son un equipo novo en idade. «Preocuparíame se non xeraramos, pero fomos quen de chegar e non de materializar. Voume contento coa segunda parte do equipo, coa afluencia de público de Balaídos, cun público espectacular con nós. A maneira de pagárllelo é que o equipo deixou a vida por intentar empatar e estou contento con ese derroche».

 Di Fredi que seguramente lles «faltou sorte nesas últimas xogadas» e non puideron materializar as que tiveron. «Temos que construír desde esta derrota, desde todo o que fixemos ben e mal e seguir crecendo, que esta é unha liga moi longa. Sabíamos que hoxe tiñamos un gran rival diante», lembra. Como ten dito noutras ocasións, para Fredi que o rival troque o sistema para medirse a eles «di moito» dos seus xogadores e do respecto que se lles ten e de que se lles «dá valor por España adiante». «Intentamos xogar unha partida de xadrez ante un gran rival, intentando buscar posibilidades para conseguir vantaxes. Houbo moitos trocos de sistema pero o gato á auga levárono eles», asume.

O técnico asume que «o normal é que veñan moitas máis derrotas» ca o ano pasado. «Sabemos onde estamos e cales son os nosos obxectivos. O que sei é que hoxe moitos dos nosos xogadores medraron e son mellores ca onte. Estamos aquí para axudar ao seu crecemento e no seu camiño», di Álvarez, que non quixo falar do eido arbitral máis alá de sinalar que a «a señora colexiada -Olatz Rivera- fixo unha boa arbitraxe. e se eles perderon foi por erros propios, máis alá de que puidese estar máis ou menos conforme co tempo engadido, que foi polo que se lle preguntou. Admite, así memso, que non lle están gustando os horarios, pero acepta que son novatos.

O adestrador di sobre o feito de non poder contar nos adestramentosdurante a semana con xogadores como Burcio ou Antañón, en dinámica do primeiro equipo: «Non sabedes ben o que significa iso». Se ben o aceptan como algo natural ao ser un filial e que debe ser así, porque se equivocarían en caso de cambialo. «Loxicamente, é un problema para nós, pero a demanda do primeiro equipo é o que prima. Temos que tirar de xuvenís cando o necesitemos e esa ten que ser a nosa idea», insiste na visión que sempre expresa sobre este tema.

Fredi Álvarez volveu sinalar que Hugo Cuenca «ten moitísima capacidade, moito talento, veu para marcar diferencias» e está «seguro» de que vai ser así. «Necesitamos tempo con el, el necesita tempo con nós. Seguramente quere ter présa, pero pero hai que ir paseniño, pouco a pouco». En todo caso, fíxase en que «soamente hai que ver cando toca o balón que cousas suceden»: «Temos diante un gran xogador, un xogador talentoso, pero co talento só non chega. Necesitamos que se adapte o máis rápido posible e así nos dará moitísimas tardes de de ledicia».