Fredi Álvarez: «A tempada vai ser complexa e temos que aproveitar esta onda, desfrutar o momento con humildade»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

O adestrador do Celta Fortuna, Fredi Álvarez, durante o partido ante o Castellón.
O adestrador do Celta Fortuna, Fredi Álvarez, durante o partido ante o Castellón. M.Moralejo

O adestrador do Celta Fortuna cre que o inicio de liga vailles dar confianza e avisa de que o Castellón é un dos mellores equipos de Segunda

29 ago 2026 . Actualizado a las 17:42 h.

O adestrador do Celta Fortuna, Fredi Álvarez, mostrouse moi contento co inicio de liga do seu equipo en Segunda, con catro puntos de seis, na previa do partido ante o Castellón, pero tamén moi cauto. «Todos sabemos que vai ser unha tempada difícil, complexa e que imos ter moito que pelexar para conseguir obxectivos colectivos», indica despois de precisar que «arrancar con catro puntos de seis non é doado nesta categoría, non é doado remontar partidos, non é doado gañar partidos, como se está vendo». Por iso teñen «moita ilusión e enerxía», igual que a afección.

O moañés fala de aproveitar «esta onda» na que están por como se están a dar as cousas, pero sendo «conscientes da dificultade» que van atopar durante toda a temporada. «Temos que desfrutar do momento, da nosa xente, do que está facendo o Celta a Fortuna nestes momentos, pero con humildade, con respecto, e cos pés non chan, porque aínda queda moito por diante», sinala. A nivel de confianza, sabe que este inicio será moi importante. «Cando cambias de categoría, tes a dúbida de se podes dar o nivel, se podes estar á altura e gañar partidos. Que vexan que poden gañar partidos en Segunda dá confianza para o que vai vir», apunta.

Como xa dixo no pospartido, non obstante, Fredi insiste en que a nivel futbolístico, teñen moito que medrar. «Temos que facer reflexión. Gañamos un partido épico, pero en canto a fútbol, temos moito que mellorar, sábeno os xogadores. Temos que entender que nesta categoría ao Celta Fortuna lle vai custar levar iniciativa en moitos partidos, porque os rivais teñen xogadores de moitísimo nivel, talento e máis experiencia», o que implicará que non sempre sexan quen de ser o filial que se vía en Primeira Federación, un equipo dominador. «Vai haber rivais que che saquen o balón e che sometan, é das principais cousas que temos que aprender».

Di Fredi que se o partido contra o Andorra se converteu nunha tolemia foi porque propiciaron ese ida e volta que non pode ser sempre a súa elección, pois sabe que o rival puido telos penalizado. «Cando estás perdendo, tes que buscar un escenario para intentar revertir situacións. Desde o control, non éramos capaces», ante o cal apostaron por esa alternativa. «Estivemos máis acertados nun escenario no que nos atopamos cómodos e temos xente que sabe correr ben, pero temos que ter máis control e convivir coa situación de non ter o balón, non estresarnos nin desequilibrarnos e non regalar».

Do rival, o Castellón, di que é «un dos mellores equipos da categoría», destacando o que fixo e como xogaba a tempada pasada. «Temos que ser capaces de defender ben xuntos cando non teñamos o balón. E cando o teñamos, ser nós mesmos. Temos unha identidade, unha idea, esa personalidade de querer facer dano a trevés da pelota, e temos que intentar controlar todos os aspectos do xogo», afonda. O defensivo será moi importante, porque teñen «un potencial ofensivo moi grande», de modo que sen balón terán que «resistir moi e estar moi precisos e eficaces» cando teñan a posesión.

En canto ao mercado, o adestrador di que non sabe como de preto está Stefan Bajcetic neste momento, pero incide en que o mediocentro é a única posición na que contan con reforzarse nos poucos días que que quedan de mercado. Deste modo, destaca por completo a un nome que se vinculara co filial nas últimas horas, Rodrigo Marina, de quen di que foi unha opción hai mes e medio, pero xa non o é.