A emoción de ter unha primeira camiseta do Celta aos 78 anos e logo dun ictus: «Non fai falta falar para emocionarse»
GRADA DE RÍO
Amadeo Antonio Pazos, que ten dificultades na fala pola enfermidade, recibiu o agasallo da súa familia polo seu aniversario
15 jul 2026 . Actualizado a las 08:57 h.Amadeo Antonio Pazos vén de cumprir 78 anos logo de sufrir hai un ano un ictus que deixou consecuencias importantes: apenas pode comunicarse mediante a fala. «Pero non fai falta falar para emocionarse», reivindica a súa neta Marta Antonio. A familia, orixinaria de As Neves. comprobouno novamente este martes, co aniversario deste afeccionado do Celta de toda a vida que, como moitos da súa xeración, nunca tivera unha camiseta do club.
Marta compartiu a través de Instagram o vídeo do momento no que o fillo dela e bisneto de Amadeo, Xoel, lle entregaba o agasallo. «Hai un ano que lle deu un ictus e case non fala. Celta é das palabras que mellor pronuncia e a festa tamén se lle entende bastante ben», escribía acompañando a esas imaxes. Conta que son celtistas de toda a vida e que o seu pequeno segue coa tradición. «É toliño polo Celta. El o meu home son da peña de Yoel Lago, Afouteza de Mondariz. Nunca fomos abonados do Celta, pero si afeccionados de corazón, de varias xeracións».
Vén tan de lonxe esta paixón polo Celta, que non pode lembrar ben se foi Amadeo quen llo inculcou. «Supoño que si, porque xa crecemos con escudos do Celta pola casa grazas a el, que os tiña, así como eu fago co meu fillo agora. Sempre había escudos, bufandas, cadros…». Pero, subliña, nunca unha camisola. «Os seus netos si que tivemos e temos, pero nunca pensáramos en que el nunca tivera unha, supoño que porque el non vestía camisetas, sempre ía en camisa e cadrou así a idea, pensamos, algo do Celta sempre triunfa, e decatámonos de que camiseta nunca tivera», afonda. Foi de Iago Aspas, porque «celebra os seus goles con moita ansia».
Agora, Amadeo pasa por un momento delicado de saúde máis alá do ictus que lle sobreveu o ano pasado. «Hai un mes operouse para sacar un tumor que tiña no fígado. Está delicado, pero agora está ben. A fala sigue sendo a secuela máis notable», apunta. Está nunha residencia xunto coa súa dona, Iluminada Domínguez. «Non vernos a diario cada vez que nos vemos está máis sensible. Hoxe (por este martes) cumpriu 78 anos e fomos por sorpresa. Sabía que se ía emocionar ao vernos e xa sabía que coa camiseta se iba emocionar máis».
Engade Marta que este agasallo tan especial foi «unha maneira de dicirlle» que seguen «estando, aínda que non sexa todos os días». Foi cousa tanto de Marta como do resto da familia: a súa nai, María Soledad Antonio Domínguez; Antonio Peleteiro Alonso; o seu irmán Jaime, o home de Marta, Félix Rodríguez Lage e o pequeno Xoel. Un momento único que quedará no recordo de toda a familia e de moitos dos que foron testemuñas a través de Instagram.