«O rapás do carallo»

Xosé R. Castro VIGO

GRADA DE RÍO

Iago Aspas, como futbolista del Celta durante su etapa cadete.
Iago Aspas, como futbolista del Celta durante su etapa cadete. Marta G.Brea

A frase final do vídeo do anuncio da derradeira renovación de Aspas resume unha filosofía de vida. «Me cagho no rapás do carallo», di o actor que encarna a Urbe, o pai de Iago, que acaba de pegar un portazo ás tantas da noite.

Aspas sempre foi, no bo sentido, un rapás do carallo. Agudo, criado na rúa, cun don especial para o fútbol e cun sexto sentido para buscarse a vida dentro do campo. Se de pequeno era quen de enxeñalas para estar pegado á pelota todo o día, de grande interpretou mellor que ninguén as posibilidades que lle daba cada partido para inventar goles e xogadas imposibles ata converterse no mellor xogador de todos os tempos do Celta e de vivir un Mundial, aínda que na meseta sempre o miraran por riba do ombreiro. Seguramente por militar nun equipo alleo aos círculos de poder.

Pero ese rapás do... sempre foi, por riba de todo, unha persoa normal, sen fumes e máis ben tímido, e un celtista de berce. Na súa vida non hai outra cor que non sexa a celeste nin outro norte que se afaste do fútbol. Por iso o día que colgue as botas, comezará a exercer de algo parecido a director deportivo, porque coñecementos, contactos e visionado de vídeo non lle faltan.

O anuncio da súa renovación por un ano como futbolista e dous para a «estrutura do club» é a mellor noticia que podía recibir o celtismo. Teñen unha tempada para irse despedindo pouco a pouco do moañés, para gardar como unha xoia de coleccionista calquera foto que demostre na noite dos tempos que viron xogar a Iago Aspas.

En todo isto, que ninguén esqueza que papá Aspas fai un esforzo importante. A Iago seríalle máis doado anunciar o adeus e dedicarse aos seus tres fillos. Algún deles dará algún día un portazo e o terceiro dos Aspas Juncal emulará a Urbe. «Rapás do carallo».