Suponse que no fútbol o importante é o que suceda no verde, que o resto forman parte do envoltorio. Sen embargo, logo do vivido na tarde do xoves no municipal vigués, aínda me queda máis claro que este marabilloso deporte vai máis alá de goles, tácticas, xogadas e peloteiros dunha calidade técnica extraordinaria.
Porque no verde, o Celta perdeu con contundencia diante dun Friburgo superior ao longo dos 180 minutos, pero fóra do campo, floreceu toda a semente que o celtismo leva espallando en silencio durante moitos anos. Como se lle pode explicar ao mundo que o estadio foi unha festa logo da eliminación, que se pode dicir dun recibimento descomunal de milleiros de persoas convencidas de que o 3-0 era un resultado ao que se lle podía dar a volta e como se lle pode demostrar ás novas xeracións que, malia a estar perdendo con claridade, a bancada non parou de animar salvo momentos moi concretos.
Leer más: La fe infinita del celtismo no basta
Esta afección é un tesouro, o complemento perfecto para un equipo e un adestrador (e corpo técnico) da casa. Entre todos fan posible que o día despois sexa un acto de ilusión, de mirar o calendario, de sacar contas e de pensar que repetir en Europa a vindeira tempada é difícil pero non imposible. Porque, quizais por primeira vez no fútbol, celebrouse desfrutar do camiño sen mirar o desenlace final. Porque unha excelente traxectoria en Europa en ningún caso podía ter un final de tristura.
O Celta, por historia, sempre será un equipo acostumado a sufrir, pero dun tempo a esta parte, tamén quere ser gañador. Comezando pola presidenta, Marián Mouriño, que ve optimismo no medio da espesura, e seguindo con Claudio Giráldez, que ten na mente ser o primeiro en derrubar a porta que un día sinalou o Toto Berizzo. Non me quero imaxinar como se celebrará ese día en Balaídos. Esa é a grandeza do momento.