Celta Sacra: o corazón de Galicia latexa máis celeste ca nunca 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Jutglà, Celia Fontecha e Hugo González estiveron na inauguración da nova peña celista de Chantada

02 abr 2026 . Actualizado a las 09:42 h.

A nova peña celtista de Chantada, Celta Sacra, viviu este martes a súa data máis especial ata o momento. O auditorio do municipio lucense acolleu a arredor de 150 persoas dispostas a gozar da inauguración deste novo colectivo de seareiros celestes que nace con forza e que contou como convidados para a ocasión cos futbolistas Ferran Jutglà (Celta), Celia Fontecha (As Celtas) e Hugo González (Celta Fortuna). Tampouco faltaron o conselleiro Sergio Álvarez, Vlado, Gudelj, Merchi Llanos -do departamento de abonados- e o presidente da Federación de Peñas do Celta, Pepe Méndez. A maiores, houbo membros da peña Siareiros Dezaos que quixeron estar ao seu carón.

O acto arrincou ás 18.30 horas, entrando un por un os representantes célticos e mais os directivos de Celta Sacra: o presidente, Diego García; a vicepresidenta, Andrea Otero, e o secretario, Carlos Rodríguez. Soou nese punto o himno do centenario, Oliveira dos cen anos, e despois tomou a palabra García: «Non só inauguramos unha peña… celebramos algo moito máis grande: a paixón polo Celta», comezaba.

Compartía o presidente cos asistentes que esta agrupación «nace de anos compartindo fútbol, ilusións e tamén momentos difíciles, pero, aínda así sempre co Celta por diante, con afouteza e corazón, como ben di o noso fermoso Himno». Quixo lembrar «aos que viñeron antes» -non é a primeira peña celtista chantadina-, cuxo legado recollen «con repecto e ganas». «Chantada, o corazón de Galicia xa ten unha parte Celeste», proclama. E engade que este proxecto nace con vocación de ser un lugar para xuntarse e «vivir o celtismo como merece», sabendo que ser no Celta «non é doado, porque se sofre moito, pero por iso é algo tan especial e forte».

Veñen percibindo que cada vez son máis celtistas «e iso é síntoma de que se están a facer as cousas ben dende a afouteza, confiando na canteira» e cunha filosofía que, augura Diego García, fará que non tarden moito en poder celebrar algún título. Remataba a súa intervención lembrándose de todos os que o fixeron posible: socios e socias, comercios colaboradores, Concello de Chantada, directiva e xogadores do Celta por acompañalos. «E que quede claro: Chantada vístese de celeste, hoxe comeza unha nova etapa. Ala Celta!», concluía.

O conselleiro Sergio Álvarez, pola súa parte, fixo fincapé na importancia que se dá desde o club á afección e a contar co seu apoio cada vez que xogan en Balaídos. Cualifica como clave o entendemento entre o celtismo, a entidade e os xogadores. «É fundamental seguir unidos para medrar con identidade. Agradecemos que esteades aquí, porque sabemos que non é fácil, que hai momentos complicados, pero estando xuntos seremos máis fortes e sacarémolo adiante entre todos», apuntaba.

Logo dos discursos, realizándose varios sorteos de produtos da vila, dunha camiseta do Celta, unha bufanda e unha botella de viño de Vía Romana, así como bufandas e un balón levados polo club. Por último, démoslle a cada unha das persoas que acudiron en nome do Celta un agasallo no que se incluía unha botella de viño (Vía Romana, Adegas Amedo, Finca Pacio, Condado de Sequeiras ou Os Cipreses), un lote de produtos de mariñeiras (Da Veiga), un marrón glace de Naiciña e algúns detalles do Concello de Chantada.

Chegou logo o momento da firma por parte dos xogadores. Proba do éxito do evento é que o Celta levou 50 imaxes para firmar e acabáronse antes de que rematase a fila dos que querían o autógrafo, polo que deste a peña celebran que se superaron as expectativas deste tipo de eventos e, desde logo, as dos responsables de Celta Sacra. A festa seguiu na sede do colectivo, La Cervecería, onde non faltaron os pinchos e a prolongación da primeira de moitas celebracións celtistas desta nova peña de Chantada.