O Consello de Goberno aprobou a colaboración que permitirá a posta en marcha dun novo centro adscrito
26 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Consello de Goberno da Universidade de Vigo «deu luz verde ao convenio de cooperación que permitirá a posta en marcha dun novo centro adscrito co RC Celta de Vigo e o centro universitario Euses Vigo, pertencente ao grupo Metrodora», segundo informou a institución académica nun comunicado onde se apuntan as titulacións que serán impartidas: Psicoloxía, Enfermaría, Xestión Deportiva, Deseño e Arte para Videoxogos e Produción de Música e Son para a Industria do Entretemento.
Non obstante, dende a consello universitario puntualizan que «hoxe non se aproban titulacións, senón un convenio de cooperación educativa xeral». A oferta académica será oficial máis adiante, pois cómpre que sexa ratificada polos respectivos órganos competentes, incluído, de novo, o propio Consello de Goberno da UVigo. «Cada un dos pasos terá que ter o referendo correspondente, ben sexa do Consello Galego de Universidades, da Xunta de Galicia, da ACSUG e, por suposto, da propia Universidade de Vigo», explicaba o reitor, Manuel Reigosa, quen fixo fincapé na importancia de ver o novo centro como «un parceiro, un colaborador, non un competidor».
O Consello de Goberno da UVigo aprobara xa en novembro un primeiro memorando de entendemento entre as tres entidades implicadas. Na sesión deste mércores deuse un novo paso adiante, neste caso coa aprobación do convenio de cooperación no que se establecen os detalles da adscrición do centro Euses Vigo á Universidade viguesa, con instalacións, tal e como explicou o vicerreitor de Titulacións, Alfoso Lago, distribuídas entre a Cidade Deportiva Afouteza, moi preto do campus de Vigo, e o estadio municipal de Balaídos, onde se fará un anexo coa colaboración da Zona Franca.
O convenio aprobado polo Consello de Goberno establece que este novo centro universitario contará con toda a estrutura académica necesaria para impartir estas titulacións - a posible posta en marcha doutros títulos requiriría a sinatura das preceptivas addendas modificativas- , así como a investigación que sexa de interese, e que a contratación do persoal docente e investigador levarase a cabo mediante proceso selectivo, contando en todo momento coa Venia Docenti da UVigo e coa participación no proceso do delegado/a da UVigo neste centro.
En canto ao futuro alumnado, terán consideración de estudantes matriculados na UVigo e deberán cumprir para o seu ingreso cos requisitos legais que prevexan as disposicións vixentes para o acceso á Universidade. No caso das funcións de administración e servizos o documento establece que correrán a cargo de Euses Vigo, non conlevando este convenio, tal como explicou Lago, ningún tipo de compromiso económico concreto para a UVigo.
«Títulos complementarios que non colisionan coa oferta pública»
Os profesores Miguel Cuevas e Rosa López expuxeron a súa inquedanza ao respecto das posibles colisións das titulacións formuladas coa oferta pública de títulos que xa se está a impartir no sistema universitario galego, ao que desde o equipo de goberno se lle respondeu que se trata de títulos complementarios á actual oferta do SUG. Así mesmo, con respecto á Enfermería insistiuse na necesidade de incrementar o número de prazas desta titulación, algo que agora mesmo as universidades públicas non están en condicións de facer.
Unha vez aprobado o convenio polo Consello de Goberno ? con 27 votos a favor, ningún en contra e sete abstencións-, a creación deste novo centro adscrito terá que ser ratificado polo Consello da Xunta de Galicia -unha vez vistos os informes dos órganos colexiados da universidade, o informe da ACSUG e o informe do Consello Galego de Universidades- para, posteriormente, ser publicada a súa creación no Diario Oficial de Galicia, o paso definitivo que marcará a súa posta en marcha definitiva.