Siareiros Celta Vigo explica por que a bancada de animación estivo dez minutos en silencio no Celta-Mallorca

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Afeccionados na bancada de animación de Balaídos durante o Celta-Mallorca.
Afeccionados na bancada de animación de Balaídos durante o Celta-Mallorca. Oscar Vázquez

A coordinadora detalla que houbo membros que foron «retidos, cacheados e identificados sen razón aparente»: «Sentímonos observados e indefensos»

23 feb 2026 . Actualizado a las 21:07 h.

A coordinadora da bancada de animación de Balaídos, Siareiros Celta Vigo, emitiu na tarde deste luns un comunicado no que explican os motivos que levaron aos seus responsables a tomar a medida de protesta de permaencer en silencio durante dez minutos, os primeiros da segunda metade. Diríxense á afección, integrantes de bancada, peñas, xogadores e traballadores para detallar os motivos, pois moitos dos presentes no estadio eran alleos ao que acontecera. «Dirixímonos hoxe a vós para que nos escoitedes, entendades e axudedes», arrancan. E explican que se debeu a que houbo membros que foron «retidos, cacheados e identificados sen razón aparente nos accesos dun dos baños do estadio».

Comparten que non é algo que acontecese de súpeto, senón que «dende comezo de tempada e ao longo dos últimos meses, é xeral a percepción de que a Bancada Siareiros está sometido a un aumento de control, de cacheos, de identificacións e, en moitos casos, de intimidacións ou abusos». Neste caso, a cousa foi máis alá, con eses cacheos e identificacións que denuncian. «Sentímonos observados con lupa, tratados de xeito desigual e, moitas veces, indefensos. É por iso que tomamos a decisión de cesar a animación nos primeiros dez minutos da segunda parte. Fixémolo de forma comedida, non para dar as costas ao equipo nin para dividir a afección, senón para expresar e visibilizar o noso descontento», afondan.

Siareiros Cetla Vigo fala de «escalada represiva e recorte de liberdades». «Nós, por desgraza, non somos os únicos, mais iso non impide que teñamos a obriga moral de alzar a voz e de defender con mentalidade aquilo no que cremos», indican. E subliñan que o único que desexan «é poder berrar, saltar, ondear bandeiras e alentar ao Celta.. Empurrar nas boas ou nas malas e festexar xuntos novas vitorias». A un tempo, deixan claro que para iso precisan sentirse «libres, respectados e tratados dunha maneira xusta». Por último, apuntan: «Sabemos que as batallas de hoxe son as liberdades de mañá. E por iso, afección, unha vez máis, tendémosvos a man para pedir a vosa solidariedade e apoio. O que está en xogo non son os dereitos da bancada, son os dereitos de todo o celtismo. SEMPRE CELTA!».