Blau Cel non acudirá a Cornellá: «É inaceptable que as entradas para o celtismo sexan un 0,3 % do aforo» 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Afeccionados do Celta, moitos deles, de Blau Cel, en Cornellà a tempada pasada.
Afeccionados do Celta, moitos deles, de Blau Cel, en Cornellà a tempada pasada. LOF

A peña celtista de Barcelona pide a Espanyol e Celta unha solución inmediata para o que consideran «unha inxustiza» 

03 feb 2026 . Actualizado a las 15:04 h.

A peña celtista con sede en Barcelona, Blau Cel, vén de pronunciarse a través das súas redes sociais este martes sobre a dispoñibilidade de asentos para a afección do Celta no partido fronte ao Espanyol en Cornellà do sábado 14 de febreiro ás 14.00, que lles fixo renunciar a acudir de maneira organizada a unha das súas citas fixas no calendario pola proximidade xeográfica. Neste caso, piden unha reflexión ás entidades en busca dunha solución para o que consideran unha inxustiza.

Blau Cel expón que «nun estadio de 40.000 asentos, á afección do Celta ofrécenselle unhas 140 entradas visitantes», o que supón un 0,3% do aforo. «Isto é insuficiente para que os seareiros poidan acompañar ao equipo. É inaceptable», valoran.E engaden: «A afección visitante non pode depender de convenios opcionais nin da vontade puntual dos clubs. Os seareiros non poden seguir pagando esta falta de regras», lamentan ao tempo que denuncian a «deixación de funcións» por parte de la Liga.

A partir de aí, pasan aos clubs como seguintes responsables. «Se a Liga non regula, os clubs teñen que asumir responsabilidades. Agradecemos o esforzo que está facendo o Celta para atopar unha solución, pero facemos un chamamento urxente a Celta e Espanyol para que dean unha solución inmediata», sinalan ao tempo que apuntan que «a chamada 'reciprocidade' é inxusta e insuficiente» e proclaman que «o fútbol sen afección visitante non é fútbol».

Por último anuncian que «Blau Cel non se prestará a esta pantomima e non acudirá ao estadio organizadamente». Finalizan aseverando que «a dignidade da afección vale máis que estar presentes baixo esta inxustiza» e convidando a quen comparta a súa «indignación» a ver o partido canda eles na súa sede.