O Celta recibe un dos Premios da Cultura Galega 2024

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

CESAR TOIMIL

A aposta do club, plasmada especialmente en «Oliveira dos cen anos», recibiu o galardón na categoría Proxección Exterior

06 jun 2025 . Actualizado a las 11:16 h.

O Celta recibiu este xoves co Premio da Cultura Galega 2024 na categoría de Proxección Exterior, distinción outorgada anualmente pola Xunta de Galicia co obxectivo de «recoñecer o labor de persoas e institucións que, con esforzo e dedicación, contribúen ao enriquecemento e proxección da identidade galega». Neste caso, o traballo do club vigués neste ámbito quedaba representado polo himno do centenario, Oliveira dos cen anos, composto por C. Tangana. Para o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, é un «himno para toda Galicia» e simboliza a «reivindicación das nosas tradicións e da defensa incansable da nosa lingua», dixo durante a entrega, celebrada no Teatro Jofre de Ferrol.

O Celta, a través dun comunicado, expresa que «foi unha honra asistir e formar parte do selecto grupo de premiados grazas ao traballo realizado en favor da cultura». As persoas encargadas de recoller o premio foron o director de Márketing, Comunicación e Estratexia Dixital do club, Gael García; o conselleiro José Manuel Amoedo, e o director de Infraestruturas e Relacións Institucionais, Carlos Cao. «É unha honra recibir este premio. Emociónanos porque vai máis alá do deporte, fala de identidade. Reforza a nosa responsabilidade coa nosa terra e cos ideais cos que se fundou o Celta hai máis de cen anos», expresou García sobre o escenario.

Ademais, quixo «compartir con todos os clubs de Galicia que tamén traballan nesta liña». «Desde aquí reafirmamos o noso compromiso de seguir construíndo un fútbol moderno que camiñe da man da nosa cultura», expresou García sobre o escenario. O club, ademais, agradece fondamente á organización dos Premios da Cultura Galega esta distinción, e celebra que deporte e cultura estean «cada vez máis preto».