
A peña celebra este sábado a efeméride e a clasificación do Celta para a Europa League
05 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Peña Celtista de Sarria celebra este sábado 30 anos de vida. En realidade, acadaron a cifra redonda desde a data da súa creación en decembro do ano pasado, pero non eran datas propicias e decidiron deixalo para a primavera. A aposta saíu redonda, porque agora, ademais de celebrar o seu propio aniversario, poden festexar a clasificación do Celta para a Europa League.
Conta Xabier López-Acevedo, un dos responsables da peña, que a súa é «unha vila de longa tradición celtista, de toda a vida». Por iso «oito valentes» deron o paso de poñer en marcha esta agrupación hai máis de tres décadas. «Algúns seguen e outros, por desgraza, xa non están con nós, pero a esencia segue a ser a mesma», celebra. A finais dos 90, tiveron un par de tempadas ao equipo facendo parte da pretempada alí, o que tamén serviu para darlles pulo. «Era a época de Míchel Salgado, Karpin, Mostovoi… Sempre houbo lazos fortes», relata.
Non esconde que, cando os resultados foron a menos, agrupación tamén se resentiu, como no resto de peñas de Vigo e doutras localidades. «Perdemos un pouco de fuelle, pero retomámolo uns cantos que despois de ter os fillos pequenos tiñamos algo máis de tempo e levamos xa desde o 2012 dando guerra», di en referencia a un período actual xa sen pausa de ningún tipo no seu funcionamento activo.
Neste tempo levan feito actividades variadas que inclúen comidas de confraternización e viaxes a Vigo que, iso si, no seu caso cómpre programar ben. «Temos dúas horiñas de camiño cara a Balaídos. Tamén temos ido a outros campos coma os de Bilbao ou Valladolid», lembra. Atópanse nun bo momento, de moita actividade e con máis dun cento de socios da peña.
Gran parte deses socios, así como o resto de celtistas que o desexen, estarán na celebración que teñen preparada para este sábado. Detalla que comezarán na centenaria Sociedade Cultural La Unión, onde farán unha comida cunha polbeira de Sarria. «Será un xantar popular aberto a todo o mundo simpatizante do Celta. Homenaxearemos aos fundadores da peña e haberá sorteos de camisetas asinadas. Tamén temos algún vídeo preparado e fotos dos 30 anos da peña», conta.
Para a tarde teñen previstas actividades para que se divirtan os nenos, como pintacaras, e tamén van colaborar coa ONG local Hospitaleros sen fronteras. «Están facendo un bo traballo en Senegal e imos colaborar con eles», apunta. A contiuación, irán xuntos en pasarrúas cara ao Buril, un local no que se fan actividades con grupos musicais e onde desta vez actuará o emblemático grupo celtista Keltoi! «Logo, iremos polo Malecón de Sarria, aos locais nos que andamos normalmente, que colaboran con nós, para celebrar tamén este ano de UEFA», finaliza.