
Creo que o cambio á defensa de catro nestes dous partidos vén dado pola adaptación ao rival. Polo demais, eu vexo ben ao equipo e penso que o maior problema non é se xogan cunha variante ou con outra; en Montjuïc, o que lles penalizou foron os erros individuais, que nada teñen que ver que esteas con tres ou catro en defensa. Houbo erros nas marcas.
É certo que á hora de atacar, varía un pouco o xeito de facelo con tres ou con catro. Co 4-1-4-1, pode ser que o equipo ataque un pouco máis por dentro para acabar por fóra e cando tes os carrileiros acabas levando o balón fóra para acabar por dentro, pero este dato non ten importancia no partido do sábado, porque o Celta atacaba ás costas dos rivais, pero está claro que modifica os mecanismos de ataque. Hai que lembrar que dicía Claudio que se equivocaron ao querer levar o balón ao xogador afastado, pero eses, por norma, son eses carrileiros que, neste caso, non había no primeiro tempo. Eu creo que este tipo de cousas afecta aos mecanismos dos equipos. Cando ti estás acostumado a levar o balón sempre ao mesmo sitio, se che falta ese sitio cústache un pouco máis, pero o máis importante é que o Celta é un equipo como moitas variantes tácticas e moi rico tacticamente.
Ata non hai moito todo o mundo sabía a que xogaba o Celta, aínda que logo é como complicado de defender porque ten unha especie de caos, que non é tal, pero que despista aos rivais un pouco. Agora, métenlle unha variante máis ao xogar con defensa de catro, o que posibilita que poida defender de diferente maneira e a diferentes alturas, aínda que o outro día mencionaba Giráldez ese desaxuste entre alto e baixo, pero estás sumando un rexistro máis.
Para min, o Celta é un equipo que se está facendo difícil de identificar en moitos partidos e iso debemos sumarlle que Claudio é o adestrador que máis rotacións fai das cinco grandes ligas e pódeche volver tolo. Un día pódeche levar á correr pola banda con xogadores moi rápidos e outro con xogadores que se meten dentro que buscan romper dende segunda liña... O que ten este equipo son tantos rexistros que é unha marabilla.
Nesa liña, e partindo da base que será un partido disputado co Celta como dominador, non se pode descartar ningunha combinación, ata que Claudio poda sentar a Borja Iglesias logo do hat trick. O único que está claro é que este equipo vai competir cada partido.