Alberto Suárez: «Na canteira do Celta transmítese e respírase o triunfo da xente de aquí» 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

CESAR QUIAN

O adestrador do Xuvenil A considera «ideal» a situación da base e percibe que o modelo está dando froitos a curto prazo 

11 abr 2025 . Actualizado a las 17:53 h.

O adestrador do Celta Xuvenil A, Alberto Suárez, comentou cos medios do club o momento da canteira celeste e do seu equipo e o que vai de tempada tras recuperar o liderado a pasada fin de semana, logo de vencer ao Deportivo no derbi de Abegondo. «Foi un partido esixente, de moita tensión. Os dous fixemos moitas cousas ben e nós tivemos a sorte de ter máis acerto nas áreas e poder levar o partido», resume.

Considera que a tempada está sendo «moi positiva, cos rapaces mellorando moito, incorporando máis cousas á súa mochila», como adoitan dicir. «É como para estar satisfeitos do que levamos feito ata o de agora e seguir crecendo e mellorando», apunta. Ten claro o punto de partida de que «nun equipo de formación, o primeiro obxectivo é achegar aos xogadores ao fútbol profesional, ao Fortuna e ao primeiro equipo» e a partir de aí, admite: «Como somos o Celta, saír gañar todos os partidos».

Sinte Suárez que o club «confía moito» no traballo que están a desenvolver. «É unha marabilla vir aquí todos os días, traballar cos rapaces e ver a súa evolución. É un momento moi bo e hai que desfrutalo» engade. O escenario actual, prosegue, «reflicte o traballo que se fai, xa non só a nivel de xogadores, senón tamén de adestradores». Expresa que «é un orgullo para todos poder ver no primeiro equipo tantos xogadores da casa, xa non só participando, senón sendo quen de marcar as diferenzas».

Esa presenza da canteira en chanzos superiores é para este equipo «unha axuda enorme para que os rapaces crean e vexan que con traballo, se se esixen, a posibilidade está aí». Conta que Claudio Giráldez e Fredi Álvarez, responsables do primeiro equipo e do Fortuna, respectivamente, «están moi presentes no día a día, veñen a ver moitísimos partidos e os rapaces sábeno», o que supón un aliciente para o traballo semanal e para a fin de semana.

 

Suárez percibe que a situación actual da canteira «é ideal». «Estase demostrando a curto prazo que está dando moi bos froitos. Os que estamos traballando aquí sentimos que o club mira para nós, sentímonos valorados e iso transmítese», celebra. E o exemplifica coa tempada do seu equipo. «Xa non só a nivel de resultados, senón de sensacións, o que se transmite e se respira é o triunfo da canteira e da xente de aquí».

Fíxase en casos neste momento no primeiro equipo de xogadores que chegaron ao Celta sendo benxamíns. «O sentimento de pertenza que van ter cara a esa camiseta, cara a ese escudo, é enorme, transmítese, e nun vestiario é importantísimo», afonda. Di que o seu día a día na Madroa fano sinxelo os rapaces coas súas ganas de aprender. «Moito é grazas ao traballo que se fai cando son máis pequenos: guialos, acompañalos e darlles a máxima información posible. Melloralos como xogadores e persoas, porque se non es boa persoa, é moi complicado chegar».

 

Conclúe sinalando que a saúde da canteira desde que está no Celta sempre foi moi boa, «sempre hai futbolistas de nivel en todas as categorías». «Ese é o camiño, seguir mellorando, porque temos moitísima calidade e nivel na Madroa», amosándose seguro de que de seguir nesta liña, van ver «moitos rapaces que agora están en infantís e benxamíns no primeiro equipo».