A Romaría Celtista do 2025 comeza a tomar forma da man de Allariz Celeste

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

ALLARIZ CELESTE

A oitava edición deste evento, que cumpre dez anos, terá lugar na vila ourensá os días 31 de maio e 1 de xuño

09 ene 2025 . Actualizado a las 10:06 h.

A Romaría Celtista de Allariz dos días 30 e 31 de maio será a terceira consecutiva que se celebre na provincia de Ourense tralas de Viana do Bolo, organizada pola sección de Merlegos Celestes dese concello, e a de Ourense cidade, con Termas Celestes. A esta última relévaa Allariz Celeste, peña creada no 2016 e que saíu da anterior cita coa designación de próxima organizadora. «Non había moita iniciativa para coller a romaría e a nós xa nolo levaban tempo propoñendo. Ai final, estabamos alí e dixemos: ‘Veña, cara adiante’. Trátase de non pensalo moito», di Paco Novoa, un dos peñistas que están xa traballando nunha cita cuxa data foi anunciada a modo de agasallo de Reis este pasado luns 6 de xaneiro. «Metémonos no fregado, pero seguro que compensa», engade.

Unha vez asumida a responsabilidade, a directiva preguntou que peñistas estarían dispostos a implicarse, e entre eles estivo Paco. «Houbo moita dispoñibilidade por parte de todo o mundo, pero para organizar mellor é máis sinxelo que sexan menos persoas», conta sobre como se están manexando para sacar adiante a iniciativa. «Somos unhas oito persoas tomando as decisións, pero hai moitos máis peñistas botando unha man», detalla. Tamén contan como guías coas peñas que foron anfitrioas nos anos anteriores, empezando por Merlegos, a impulsora da primeira edición e, por tanto, da existencia deste evento. «Estiveron aí desde o primeiro momento, ofrecéndose para calquera cousa que precisemos. Estamos moi agradecidos».

En canto á data, está máis ou menos establecido que a romaría se celebre a fin de semana seguinte ao remate da liga. «Estaba claro que tiña que ser unha vez finalizada a competición e era unha boa data tamén tendo en conta a Festa dos Boi de Allariz, que é unha cita importante para nós, que tamén se vive moito aquí, e é dúas semanas despois, así que tiñamos tempo», sinala. Pero para acabar de fixalo necesitaron tamén da aprobación do Concello, ao que agradecen as facilidades a nivel de permisos para os espazos que van empregar e demais cuestións estruturais.

Elixiron o día de Reis para o anuncio a modo de agasallo e para que a afección celeste a vaia marcando no calendario con tempo. «A idea é que se fose sabendo algo concreto para que a xente de vaia organizando» e a partir de aí, ir dando máis detalles a medida que avance o ano e se achegue a festa. «A nosa principal preocupación era ter o espazo e xa sabemos onde vai ser. En canto ás actividades, o cartel non está completo, pero temos o roteiro turístico confirmado, a comida e tamén haberá concertos», confirma. Non dubidaron da importancia de que haxa tamén actividades para os cativos. «Sabemos que veñen moitas familias e é un día para pasar xuntos». Tampouco se descartan sorpresas que se irán desvelando ao seu debido tempo. «Intentaremos ir anunciando cousas nas nosas redes e manter a tensión», sostén.

Paco estivo na romaría do ano pasado, en Ourense, e sabe que o listón está alto. «Foi un ambiente espectacular. Termas Celestes fíxoo moi ben e vivilo alí tamén nos animou a ser nós os seguintes», apunta. Este peñista dá por sentado que a romaría chegará tras un fin de tempada tranquilo. «A cousa pinta mellor ca outros anos, polo menos, para os nosos corazóns. Todo o que sexa salvarnos e mirar cara arriba será benvido. Somos optimistas», sinala.

No seu momento abrirán a inscrición para ter unha previsión de cantos serán para a comida, pero desde xa, Novoa anima ao celtismo a que vaia reservando as datas do 31 de maio e o 1 de xuño para acudir a Allariz. «É unha vila moi bonita, imos facer un roteiro turístico que vai estar moi ben e queremos que coñezan como se vive o celtismo aquí». Comeza a conta atrás para que Allariz Celeste se sume a Merlegos (Santiago, 2015), Siareiros Dezaos (Lalín, 2016), Pepa Loba (Muros, 2017), Carcamäns (A Illa, 2018), Alvelo (Ribeira, 2022), sección de Merlegos de Viana do Bolo (2023) e Termas Celestes (Ourense, 2024).