A cita será este sábado na cantina Candela, na rúa Martín Códax
29 nov 2024 . Actualizado a las 12:17 h.Case dous anos despois do peche do bar que deu nome á peña e polo que se coñece ao seu presidente, Arximiro Rodríguez Carballido, a agrupación celtista Rikitrí estrea este sábado nova sede. É a cantina Candela, na rúa Martín Códax, en Churruca. E alí se celebrará a partir das 12.00 horas a apertura deste novo local social.
Inicialmente, a idea era que as numerosas lembranzas celtistas que se acumularon durante os máis de 30 anos de existencia da peña foran expostas en Balaídos. Houbera unha promesa por parte do Concello de Vigo de locais para as peñas en Marcador, e ese ía ser o seu destino. Pero pasou o tempo, non se soubo máis do asunto, e a directiva da peña decantouse pola alternativa de ter unha nova sede onde xa están boa parte deses recordos.
Conta Rodrígeuz que os propietarios do bar que pasa a ser a nova casa da peña son amigos e saíu deles a proposta. «Comentáronnos que podíamos montar alí a sede, reunímonos, falámolo e decidimos que adiante», conta. Así, puxéronse en marcha e prepararon o local, que, promete o presidente, terá a partir de agora «cor celeste». «Vai lembrar algo ao Rikitrí. Leva boa parte do decorado da anterior sede», engade.
Esta nova sede renova as ilusións dunha peña que tamén está «nun moi bo momento», contaxiada do ambiente que se respira no celtismo no seu conxunto. «No club hai unha nova forma de achegarse á xente, de tratar á afección, e iso axuda. Os celtistas temos ao club máis a man e nótase no campo, nos abonados, nas rúas, en todos lados», sostén. Tamén na súa peña: «Axudounos a crecer. Entrou xente nova, o cal axuda a facer máis cousas, a ir para arriba, dáche enerxía, ideas frescas e ilusión», sinala.
Pero que aparezan novas xeracións na peña non quita para que Arximiro continúe «con ganas de seguir dando guerra moito tempo». «De momento, hai forzas para seguir coa mesma enerxía, polo menos durante un tempo», di. De momento, xa son 32 anos -31 de maneira oficial- desde que comenzaron este proxecto a raíz da crise dos avais. E vano celebrar este sábado «cun acto bonito, con representación do club e ao que está convidado todo o celtismo que queira», concreta o presidente, que sempre ten un «ala Celta» na boca.
Poderá accederse desde as 12, media hora máis tarde actuará Acordeireta, ás 13.15 procederase á inauguración oficial da sede, con discursos, e desde as 13.45 haberá degustarín de aperitivos, con sorteos e agasallos, para logo dar paso a máis música a cargo de Acordeireta.