Unha noite de «unión e paixón polo Celta» para conmemorar 25 anos de Corvos Celestes 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Damián Rodríguez, Paula González, Gael Alonso, Sergio Álvarez e Jonathan Vila acompañaron á peña celtista de Salceda na súa celebración más especial 

28 nov 2024 . Actualizado a las 17:00 h.

Este mércores era unha data especial para a peña celtista de Salceda, rebautizada hai uns meses como Corvos Celestes. Viven unha etapa nova, cunha directiva diferente que tomou as rendas, pero que recolle a herdanza de 25 anos, que son os que festexaban nunha tnoite única. Estiveron acompañados por tres célticos: Damián Rodríguez (primeiro equipo), Paula González (As Celtas) e Gael Alonso (Celta Fortuna), así como dos excélticos Sergio Álvarez, en calidade agora de conselleiro, e Jonathan Vila. Tampouco faltaron o responsable da área social, David González, nin o presidente da Federación de Peñas Celtistas, Pepe Méndez.

O actual presidente, Bieito Troncoso, detalla que «foi unha xornada chea de emocións, reencontros entre directivas pasadas e novas, con sorpresas, agasallos, saúdos sorpresa de Claudio (Giráldez), Gabri Veiga, Denis Suárez e Sergio Carreira». Os xogadores e ex presentes foron nomeados como socios honoríficos e fóronlles entregados os carnés que así os acreditan. «Gozamos de celtismo, cunha sede chea de rapazada e xente moza, pero tamén cos celtista máis veteranos. Unha noite de unión e paixón polo noso equipo», celebra.

Non faltaron «autógrafos, fotos, apertas e moita alegría», engade o Celta, que fala dunha « tarde para conmemorar un sentimento celeste que nos mantén unidos máis de dúas décadas despois». A entidade tamén subliña que se trata dunha acción «que destaca o compromiso e a proximidade do RC Celta coa súa afección, fortalecendo os lazos cos miles de persoas que viven e senten con tanto orgullo as cores celestes».