O canteirán di que o equipo pode «facer grandes cousas» pero a clave é ir partido a partido, comezando polo do Espanyol
28 nov 2024 . Actualizado a las 20:51 h.O canteirán do Celta Hugo Álvarez falou este xoves en rolda de prensa logo do anuncio oficial, o martes, da ampliación do seu contrato ata o 2028. «Foi unha renovación tranquila, tanto o club coma min queriamos chegar a un acordo para seguir. Estou contento de seguir e que sexan moitos anos máis». Sen noticias de que chegase ningunha oferta por el, di ter a cabeza no día a día. «No Celta estou moi contento, é o club que apostou por min desde moi pequeno. Só tiña na cabeza seguir. Por min, estaría aquí toda a vida», subliñaba preguntado por se lle gustaría ser xogador dun só club.
Resta importancia á transcendencia dos goles que leva marcados, o último, fronte ao Barcelona para sumar un punto o pasado sábado. «Tiven a sorte de anotar o gol do empate esta fin de semana, pero céntrome no traballo en equipo. Sei que eses goles son importantes, quedan aí, pero céntrome no día a día», insistía. Coa mesma naturalidade conta que non cre que ser futbolista de Primeira lle cambiara a vida e intenta que non sexa así. «Non moito. Si é certo que agora ten todo máis relevancia. Moi contento de disputar minutos e traballar o día a día aquí».
Non oculta o ourensán que se sinte máis cómodo xogando na esquerda, pero asume de bo grao calquera decisión de Claudio Giráldez e trata de axudar onde se lle encomende. «Depende do partido, temos esa variante de que varios xogadores do plantel podemos xogar en ambas bandas. Cambian certas cousas nunha e noutra, pero intento axudar ao máximo en ambas. Atópome máis cómodo cara a esquerda. Se teño que xogar na dereita, tamén moi contento e intentando axudar», engade.
Non quere falar de metas, pero tampouco fuxe da ambición. «Imos ir partido a partido. Sabemos que podemos facer grandes cousas, pero este equipo está tranquilo, o primeiro é sacar estes tres puntos (ante o Espanyol) e logo veremos que tal». Considera que o equipo está a traballar moi ben. «Intentaremos sumar os máximos puntos posibles e a ver como estamos ao final da primeira volta». Tamén é consciente e que precisan «dar un plus fóra da casa, que non están a saír as cousas» se ben están tranquilos e seguros de que os resultados chegarán se seguen así.
Fíxase o canteirán en que levan demostrado que poden «competir contra calquera» e o partido do Barcelona foi un exemplo que cre que lles virá ben tamén de cara ao futuro. «Xogar contra os grandes sempre é complicado. Podemos competir contra calquera, o partido púxose complicado, era difícil e a convicción de poder darlle a volta vainos axudar a competir ata o final sempre», reflexiona.
En canto á Copa, onde se reencontrará co seu compañeiro de xeración Jesús Ares e con Yago Rodríguez, co que tamén coincidiu, sinala: «Vai ser un partido complicado, van dalo todo, teñen unha ilusión tremenda coma nós». A filosofía do equipo non é marcarse metas concretas tampouco no torneo do ko: «Nós imos partido a partido, intentaremos chegar o máis lonxe posible e intentar darlle alegrías á nosa afección», di tamén sobre a Copa.