Sería máis preocupante que o Celta non crease oportunidades
06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Se nos cinguimos ao partido do luns, podemos falar de erros de finalización e pouco máis. É certo que se axustou un pouco o sistema e que se afianzou un pouco a fase defensiva, pero fronte ao Xetafe, o Celta seguiu creando ocasións e creo que nos partidos anteriores, igual.
Non sei se pode responder un pouco a que os xogadores chegan con menos forzas arriba ao ter máis distancia que percorrer e máis sacrificio defensivo, pero eu achacaríao máis a erros individuais e falta de acertos. Rachas, en definitiva. Igual tamén é necesario ter en conta que o acerto das primeiras xornadas non era o habitual, a efectividade era demasiado alta para a que ten o Celta habitualmente.
No caso de partido do luns, eu tamén engadiría un factor de certo nerviosismo, porque o Xetafe é un equipo que te leva a duelos individuais, que te aperta moi alto e ao ver que non entraban as ocasións, eles, a base de centros laterais, podían levantar o resultado malia a ter un home menos.
A min preocuparíame máis que o Celta non crease oportunidades, e iso no pasa. Tampouco teño dúbidas de que este equipo ten gol, aínda que nos números agora non digan o mesmo. Ten xogadores arriba que son bos definidores, como son Douvikas e Borja Iglesias, e logo ten moitos fabricadores de gol. O primeiro deles é Iago Aspas, que agora está adaptando a ese papel de director. É un xogador que fabrica máis que finaliza, por iso non teño dúbida de que hai pólvora suficiente para marcar e que o Celta volverá ser un equipo con gol.