O Celta é un dos equipos que máis propón e mellor fútbol está a facer, pero, do mesmo xeito, está expoñéndose moito e estalle custando defender. O propio Claudio Giráldez non é alleo aos problemas defensivos. O equipo non pode seguir nesta liña, porque con este tipo de erros, gañar un partido en Primeira é moi complicado.
Vexo ao equipo dubitativo no balón parado e incapaz de curtar certas transicións. Tamén debemos darnos de conta que se expón moito en ataque, sumas moitos efectivos e se tes ao equipo aberto e avanzado, defender iso é máis complicado. No tema do balón parado, non teño os datos, pero penso que hai máis goles encaixados en segundas xogadas de lances de estratexia que en remates directos. Nese aspecto, o Celta está moi brando, aí ten que mellorar moito. Iso é compromiso individual, concentración, estar convencido de que o rival non vai ser mellor ca ti e non che vai rematar.
Hai que ter en conta que no fútbol de hoxe, unha ampla porcentaxe de goles prodúcense no balón parado e nos centros laterais. Cando ti es feble defensivamente, as estatísticas pican moito por aí. A terceira pata son as transicións e no caso de Celta, véñense repetindo ano tras ano estes males, que dende o meu punto de vista, tamén son os que máis custa defender aos equipos no fútbol profesional hoxe en día.
Creo que Claudio ten bastante traballo. Este tema é un pouco delicado polo tipo de xogo que emprega na fase ofensiva expoñendo tanto, deixando moitos metros para defender ás costas, con tanta xente por diante e logo, cando che atacan as costas dos carrileiros, teñen que saír os centrais e xa estás en igualade numérica e os centros laterais xa se defenden gañando duelos. Iso hai que traballalo moito, pero tamén ten que estar no ADN dos xogadores.