Borja Iglesias: «Non estivemos cómodos en ningún momento; toca aprender e seguir medrando»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

EDUARDO SANZ NIETO - LOF

O compostelano marcou en balde fronte ao Osasuna por segunda xornada consecutiva

01 sep 2024 . Actualizado a las 20:48 h.

O dianteiro do Celta Borja Iglesias, que marcou ante o Osasuna por segunda xornada consecutiva e na súa segunda titularidade da tempada, pero en ambos casos en derrotas, recoñeceu que non era o que querían. «É un estadio e un equipo difícil e non estivemos a gusto penso que en ningún momento. Dá pena, porque tiñamos moita enerxía e moita ilusión postas neste partido», sinalaba fixándose acto seguido en que «toca aprender e seguir medrando».

Considera o compostelán que estes paróns coma o que lles espera agora «veñen ben para analizar con máis tranquilidade e sen a presión de ter que preparar outro partido», polo que confía en que o podan aproveitar da mellor maneira. Traballarán, cre, en base ás cousas «boas e menos boas» deste arrinque de liga. «Seguro que aprendemos e medramos», confía.

Logo deste parón de seleccións, retornarán a Balaídos. «Nos dous partidos da casa desfrutamos, fixémolo ben e temos a mente posta nesa sensación, na comuñón bonita coa afección. Temos un bo momento na casa e temos que aproveitalo», concluía.