Corvos Celestes, unha segunda xuventude para a Peña de Salceda aos 25 anos 

GRADA DE RÍO

A agrupación celtista estaba practicamente inactiva e os seus novos responsables nin sabían da súa existencia; inician unha nova era on ilusións renovadas 

30 ago 2024 . Actualizado a las 10:57 h.

Desde hai uns días, hai unha nova peña celtista presente nas redes sociais. O seu nome, Corvos Celestes, aínda non é familiar para o celtismo, pero no seu perfil aparece que son unha agrupación nada no ano 1999, hai agora 25. A explicación? Son a clásica Peña Celtista de Salceda, pero con nova directiva, novo nome e dispostos a darlle pulo a un colectivo que caera practicamente na inactividade ata o punto de que os seus novos responsables, xente nova, nin sabían que existía.

Conta o novo presidente, Bieito Troncoso, que eran un grupo de amigos celtistas desta localidade que se xuntaban para os partidos co tema recorrente de conversa de que non podía ser que non houbese unha peña celtista na súa vila. Empezaron con ese «runrún» de dar eles o paso e cal foi a súa sorpresa cando souberon que si a había. «Sempre lle diciamos a un compañeiro, Pablo, que tiña que ser el quen a montara. Cando este verán demos por fin o paso e quixemos comezar cos trámites, foi cando nos dixeron que en Salceda existía unha peña que seguía pagando, que estaba na Federación pero xa non facían case nada», detalla.

Falaron co ata agora responsable da peña e abríuselles un novo camiño co que non contaban. «Díxenos que non fosemos parvos, que colleramos a peña que xa había. Nós dixemos que queriamos facelo ao noso xeito e non puxeron ningún problema, que fixésemos como quixésemos», aparte de ofrecerlles axuda para todo o que precisasen. Así, atopáronse con que non precisaban comezar os trámites desde cero e que todo se volvía moito máis doado do que agardaban. «Non nos puxeron ningunha traba e todo pasou a ser moito máis sinxelo: cambio de directiva e de nome e para adiante», sintetiza. A partir de aí, comezaron a difundir o novo proxecto e niso seguen. «A xente animouse moito».

De pensar que tiñan que comezar de cero pasaron a ter entre mans unha peña con 25 anos de historia que se cumpren neste 2024. «Pareceunos bonito continuar, así que seguimos sendo esa peña que empezou en 1999, queremos dar continuidade ao que había, pero con actividade», subliña. De momento, xa teñen un grupo de WhatsApp de máis de 90 persoas, e queda por ver cantos se darán peñistas, pois están en pleno prazo para inscribirse -ata mediados de setembro-. «Queremos que todos os de antes que queiran sigan, que se sintan importantes, sen facer ningunha división. Estamos encantados de que os que queiran, continúen. Serán benvidos», sinala Troncoso.

O núcleo do novo grupo son celtistas de Corvos Celestes están entre os 20 e os 30 anos e non só de Salceda, senón con membros tamén de concellos como O Porriño ou Tui. Pero xa se está unindo xente de todas as idades, desde bebés que non chegan a un ano a xente maior. Contan con superar amplamente o medio cento de peñistas, pendentes de ter unha cifra exacta unha vez que remate o prazo que estableceron. «Aínda estamos arrincando, pero temos moitas ganas e moi boas intencións», comenta o novo presidente. «Temos moitas ganas de andar por aí, xuntarnos, pasalo ben a alentar ao equipo», afonda.

O nome de Corvos Celestes gañou a outras propostas -«houbo bastantes e estivo apertado»- nunha enquisa e agora están pendentes dun logo definitivo. En perspectiva, tamén, a celebración do 25 aniversario da peña, aínda que non teñen data polo de agora. Si que se reuniron xa o luns para ver o partido fronte ao Vilarreal e están felices de inaugurar esta nova era nun momento tan ilusionante para o celtismo. «É un orgullo que a xente de Vigo e da contorna sexa importante no equipo, que teña raíz e identidade. Perder como perdemos o luns, e cos nosos rapaces, é unha honra e un orgullo».