O bar compostelán é a sede da peña Merlegos Celestes, nacida uns anos más tarde
30 may 2024 . Actualizado a las 11:03 h.Este 2024 é un ano especial para o Merlego, local compostelán que actualmente é o maior punto de encontro do celtismo na capital galega. A sede da peña Merlegos Celestes, creada uns anos despois, entra xa na vintena. «Tardei en crear a peña. Primeiro, fun vendo que xente viña a ver os partidos, na época do pay per view, e cando houbo suficiente, tiramos cara adiante», lembra o propietario do negocio e presidente da peña, Miguel Barja Vázquez, que tivera antes outro local máis pequeniño e decidiu dar un paso máis.
Foi no 2007 cando comezou a madurar a idea da peña e no 2010 cando reuniu á xente necesaria para formar unha directiva e poñer en marcha un proxecto que xa tiña no Merlego a súa casa desde o momento en que naceu. «Despois de varios intentos, en outubro daquel ano reunímonos e fundámola nunha asamblea, creando os estatutos e demais», aínda que a inauguración oficial fíxose esperar ata marzo do 2011.
A día de hoxe, Barja comenta que bar e peña practicamente «funsionáronse, van da man». No local hai máis cousas ca fútbol, pero «o celtismo está latente» e non hai máis que entrar para comprobalo. «Debe de ser o bar con máis bufandas celtistas xa non de Galicia, senón que polo que me din, do mundo. Non sei de ninguén que coñeza un bar así, tampouco outras sedes», sinala con orgullo.
Non ten dúbida de que non hai maior punto de encontro para o celtismo en Santiago que o Merlego, que se transforma cando hai partido. «Nótase moito cando hai partido entre semana, que se enche de rapaces novos, universitarios. Hainos que non son peñistas, pero saben que existimos e veñen», comenta. As fins de semana, o ambiente é diferente, sen tanto estudante, pero tamén con moito afeccionado celeste, máis orixinario de Santiago, que se dá cita.
Miguel atribúe a boa acollida nestes vinte anos ao boca a boca e ás redes sociais, as dúas vías que lles permitiron darse a coñecer. «Tamén axuda a relación con outras peñas e o papel da Federación. Todo iso foi o que fixo que se nos coñecera como bar e como sede de Merlegos Celestes», di o responsable da peña que organizou a primeira Romaría Celtista, evento que se converteu en tradición e que este ano ten lugar en Ourense.
O Merlego garante a quen acude alí a vivir os partidos «un ambientazo». Iso é o que lle transmiten os seus clientes a Miguel. «Temos boas teles e audio, que lle damos importancia a que se escoite ben. E despois, antes de cada partido temos música no mesmo plan que en Balaídos. Xa é un clásico que soe a Rianxeira e a sirena cando marcamos un gol», comenta sobre unha atmosfera propia que os caracteriza despois de tantos anos. Tamén houbo iniciativas como cervexa de balde pola permanencia do 4 %.
Barja, non obstante, fala de que aínda que o balance destes dous decenios é positivo, as cousas non volveron a ser coma antes logo do pau que supuxo a pandemia. «Nestes vinte anos, houbo de todo. Aqueles partidos da UEFA da tempada 206/2017 eran unha pasada coa cantidade de xente que se metía. Agora, aínda que segue habendo xente, a cousa está máis baixa desde o covid», di. Confía en que co pulo de Claudio Giráldez, a liña sexa a partir de agora ascendente.