Iker Losada: «É unha tempada sobresaliente que non puidemos culminar coa matrícula»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Óscar Vázquez

O capitán do Celta B lembrou que ninguén contaba con meterse no play-off ao que onte dixeron adeus

11 jun 2023 . Actualizado a las 09:03 h.

O capitán do Celta B, Iker Losada, fixo balance do partido fronte ao Eldense e da tempada do filial, aparte de falar de futuro, logo da eliminación do play-off de ascenso a Segunda. «Sabiamos que ía ser un partido diferente ao que xogamos na casa e estamos fodidos. Tiñamos ese gol que nos daba tranquilidade, pero metéronnos dous que non esperabamos, e menos nesa situación», resumiu o capitán na Radio Galega. Detallou que o rival apostou por un partido para «ser máis fortes, ter máis o balón» no campo do Celta e que o terreo de xogo e a calor tampouco beneficiaban ao xogo dos de Claudio Giráldez.

Recoñeceu que as circunstancias lles levaron a optar polo pelotazo arriba, afastados do seu xogo habitual. «Eles fixeron o que tiñan que facer. Viñan a gañar, eran un equipo preparado para ese ascenso, que quedaron fóra no último partido por un gol. Nos fixemos tamén o que tiñamos que facer na casa, pero na volta fixeron o seu partido e saíulles ben», analizou. Con todo, lembrou que «ninguén contaba con meterse neste play-off, sobre todos nos primeiros partidos, coas dúbidas» de se eran «suficientemente maduros», que se foron despexando co paso das xornadas. «É unha tempada sobresaliente que non puidemos culminar coa matrícula, pero foi impresionante», valorou.

Considera o catoirense que se aprende de todos os partidos, evocando como exemplo «derrotas duras coma a do Sanse na primeira xornada ou como esta última; aprendes de principio a fin». Preguntado polas bágoas dalgúns compañeiros, respondeu que el foi o primeiro en emocionarse xa no campo. «Son moitas emocións xuntas. Remata un partido e saen todas a flote. Son cousas que hai que saber levar. Non son moito de falar no vestiario, son tímido e falan outros por min; eu axudo con apertas, pouco a pouco. Non podo dicir máis».

Preguntado polo futuro, dixo que agora é tempo de desconectar e, logo, saber o que vai pasar. «Ata o 30 de xuño estou pendente de que me digan se vou seguir ou non. Eu quero estar aquí, ser un máis e oxalá ser coma Hugo Mallo», dixo aproveitando para agradecer ao capitán saínte do primeiro equipo. «Quero agradecer todo o que fixo por min cando subín con eles. Foi dos primeiros en vir onda min e axudarme desde o principio. É un exemplo para min e deséxolle a mellor das sortes», subliñou.

Encantaríalle ter unha nova oportunidade no primeiro equipo. «Tanto Sergio (Barcia) coma min estamos pelexando, somos xente da casa e queremos ese pasiño máis. O primeiro é mirar polo club e por nós», indicou. Por último, agradeceu o apoio á afección por estar sempre ao seu carón, lembrando os desprazamentos a Riazor e A Malata, así coma onte.