Hugo Álvarez: «Imos para gozar dunha festa do fútbol galego, pero tamén para intentar gañar»
GRADA DE RÍO
O ourensán lembra que o obxectivo do Celta B está cumprido, pero son ambiciosos
27 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Hugo Álvarez Antúnez (Ourense, 2003) vive o seu primeiro ano como xogador sénior. O atacante de banda esquerda é un dos máis utilizados por Claudio Giráldez nun Celta B que logo de cumprir o obxectivo da permanencia en Primeira Federación, visita esta tarde (19.30 horas) na derradeira xornada da fase regular ao Racing de Ferrol dependendo de si mesmo para xogar o play-off de ascenso á Segunda División. O canteirán sabe que van a unha festa na que todo está preparado para o ascenso dos ferroláns, pero sen presión, cre que o filial celeste ten argumentos para gañar na Malata.
—Como está o equipo para o sábado?
—Ben, é un derbi galego e motiva. Vai ser un partidazo, unha festa, e imos a Ferrol para dar o noso máximo e tentar levarnos os tres puntos.
—Van sen presión pero con ambición?
—O obxectivo da tempada está cumprido dende hai unhas xornadas e agora temos outro reto moi preto e imos intentalo ata o final. Nós imos alí a gozar, é unha festa do fútbol galego e imos tentar sacar os tres puntos.
—Sendo realistas, que opcións ve de sorprender ao Racing con todo o que ten montado?
—Nós tamén temos as nosas armas. Sabemos que nos medimos a un rival moi complicado e que na súa casa é moi forte. Sabemos que é un partido que se vai decantar por detalles e se caen do noso lado, os puntos virán para Vigo.
—Foi unha magoa non aproveitar a oportunidade do domingo?
—Si. Tiñámolo moi preto e fóisenos, pero o partido do outro día estivo ben para darnos un aviso. Para nós é interesante xogarnos o play-off o último día e ante un equipo galego, que sempre motiva.
—O mellor, é que veñen de xogar media hora fantástica co Ceuta.
—O equipo volveu coller sensacións, volvemos ter o control do balón no primeiro tempo e no segundo, a ansia de marcar o segundo gol fixo que o partido se descontrolase, pero o equipo está con boas sensacións e con ganas para este encontro.
—Teñen moitas baixas, pero xa están afeitos.
—Somos un filial e temos que estar preparados para esas cousas. Temos xente de sobra para cubrir eses ocos. Confiamos plenamente en todos.
—Cal é o segredo para utilizar tantos xogadores e que, malia iso, todo o mundo saiba o que ten que facer?
—Cadaquén tivo moitas oportunidades durante a tempada e iso fixo que puidésemos dar o máximo cada un. Esa competencia que se provoca entre nós fai que o equipo renda a un nivel superior.
—Que destacaría do Racing?
—Paréceme un equipo moi competitivo, que sabe de sobra os puntos fortes que eles teñen e aprovéitanos ao máximo. Sempre son un rival moi complicado e os partidos contra eles fanse moi duros.
—É un rival que, ademais, se lle dá mal ao Celta B, agás no partido da primeira volta.
—É un rival que na súa casa tenlle collida a matrícula ao Celta B, pero nós somos un equipo novo que está con moitas ganas e este obxectivo que temos agora fai que vaiamos con todo.
—Que nota lle pon a tempada con independencia do que pase na Malata?
—Foi unha tempada moi boa, cumprimos o obxectivo con moita antelación e nós estamos moi contentos co que fixemos.
—Que signo lle pon ao partido do Linares?
—Que perda, se pode ser, pero nós temos que ir a polos tres puntos. Nós debemos concentrarnos no noso partido e o Linares que faga o que sexa.