«Estou no paso máis complicado para ser profesional»

X. R. C. VIGO

GRADA DE RÍO

M.MORALEJO

Hugo Álvarez analiza a súa tempada e a súa traxectoria desde que chegou ao Celta, sendo alevín

27 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hugo Álvarez leva dende os 10 ano no Celta, ao que chegou dende o Pavillón Ourense. Con 19 xa debutou en Primera División, pero a día de hoxe aínda non se ve profesional. Di que está no chanzo máis difícil de avantar.

—A nivel persoal, está contento coa súa tempada?

—Está sendo un ano de moita aprendizaxe, de coller ritmo nesta categoría, que sempre é importante, e a nivel futbolístico, estou aprendendo moito.

—Como foi a súa chegada ao Celta?

—Vin aos dez anos. Ía e viña no autobús de Ourense e hai catro que me mudei a vivir a residencia do Celta. Comecei no alevín.

—Como foi a adaptación?

—Son experiencias. Dende pequeno levas este escudo no peito e dende rapaz tes a ilusión de chegar arriba. Iso fai que eses longos traxectos en autobús se fixesen cada vez máis pequenos e gozara desa etapa.

—Estudaba no autobús?

—Non era moito de estudar no autobús, eramos moi de divertirnos e de xogar, o de estudar deixabámolo para a casa.

—Cando empezou a ter conciencia de que podía vivir do fútbol?

—Iso é algo que ata que no se presenta a oportunidade, non o sabes. Es un rapaz e tes esa ilusión, pero non a certeza de poder vivir do fútbol. Aínda queda moito para saber se podo ser profesional ou non.

—Está a un chanzo.

—É certo, e tamén que xa non chegan moitos rapaces aquí, pero este paso é o máis complicado e imos tentalo ata o final.

—Foi «titularísimo» no seu primeiro ano sénior.

—Estou moi contento e agradecido coa confianza que ten o adestrador en min. A nivel persoal, estou collendo moitas cousas desta primeira tempada como sénior.

—Que lle pide Claudio Giráldez?

—Pídenos que fagamos o que facemos pola semana, que o intentemos ata o final e que tratemos de competir ata que no poidamos máis.

—Que lembranzas ten do debut en Primeira?

—Foi un debut que no me esperaba, porque era a miña primeira convocatoria, pero lémbroo con moita ilusión e con moitas ganas de saír ao campo e dalo todo. Estou moi agradecido.

—Cando se adestra co primeiro equipo, que se aprende?

—É un ritmo moi diferente, son xogadores de moitísima calidade e aprendes a competir, a non dar un balón por perdido e tecnicamente, esíxenche moito máis.

—E nestes anos en Vigo?

—Aquí tes un estilo de xogo de tratar ben ao balón, de ter moita posesión e tratas de mellorar niso, pero tamén competir, porque dende pequeniño esíxenche gañar ligas e torneos.

—Espera facer a pretempada co primeiro equipo o vindeiro curso?

—Iso son cousas do club. A min encantaríame, pero se a teño que facer co B, encantadísimo. Eu, onde me toque.