Gael García: «Nós entendemos todas as accións do centenario como unha semente de celtismo»

X. R. C. VIGO

GRADA DE RÍO

M.MORALEJO

O coordinador da programación da efeméride do Celta explica que esta, que se prolongará ata o 2024, contará cun cento de actividades 

25 may 2023 . Actualizado a las 22:04 h.

O Celta atópase en plena celebración do seu centenario e coa vista posta no 23 de agosto, cando se cumpran 100 da súa fundación. Todos os actos conmemorativos son aproveitados polo club como unha semente de celtismo, segundo apunta Gael García, o coordinador da programación do centenario que apunta como a próxima gran cita a inauguración do novo museo do club. Tamén anticipa que arredor do día do centenario haberá unha morea de actos ao longo dunha semana, entre eles o partido de lendas. O da presentación do himno de C. Tangana segue sendo segredo de estado.

—Que valoración fai dos actos do centenario ata agora?

—Estamos moi contentos. Comezamos en novembro, poñendo en práctica un plan que desenvolveramos nos meses anteriores para cubrir cunha programación especial todo o ano 23 e incluso parte do 24. Agora estamos en maio e estamos superando as previsións, porque saíron aínda máis iniciativas das previstas e se seguimos con este ritmo, imos camiño de cumprir as cen as actividades.

—Hai data para o himno?

—Será antes do verán, probablemente. É un proxecto ambicioso e require uns prazos, porque hai moita xente implicada nel.

—As preguntas que están no ambiente son se canta C. Tangana e se é en galego.

—Iso correspóndelle ao artista confirmalo e creo que só o sabe el neste momento. Queremos ser moi respetuosos co seu traballo e non adiantar nada. O único que podo dicir é que, vendo os seus traballos en anteriores proxectos e o ben que encaixa as pezas, temos claro que o traballo vai ser moi bo.

—O día 23 de agosto haberá unha morea de actos?

—Vai ser unha data moi especial. Estamos traballando unha programación para ese día e para esa semana que esperamos que sexa inesquecible. Coincide, ademais, entre as xornada dous e tres de liga, e aínda que estaremos metidos na inercia da competición, non vai ser unha semana máis. Estamos traballando para que eses días se lembren tamén dentro de cen anos.

—Que criterios utilizan á hora de elixir os embaixadores?

—Que sexan persoas moi vinculadas ao Celta, que teñan un recoñecemento e unha bagaxe profesional e que defendan uns valores que sexan acordes aos do club. Tamén xente que ao longo do tempo levase o nome do club máis ala da parcela deportiva. De momento, levamos dous cun pasado moi vencellado ao fútbol, pero nas vindeiras datas, incluso a semana que vén, iremos anunciando máis en todo os ámbitos: escritores, artistas, actores... xente que fai evanxelización da apoloxía do Celta sempre que poden.

—Con que acto dos xa feitos queda?

—Eu quedaríame con todo o que é o desenvolvemento da marca e da imaxe que é paraugas do centenario. Para nós Xosé Vizoso é unha lenda do deseño gráfico e do cartelismo en Galicia e, a raíz dese cartel, se puidésemos desenvolver esa nova marca especial para este ano é moi importante. Non imaxinamos que fose a funcionar tan ben en toda la imaxe gráfica do club e tamén que as prendas que levan esa marca están sendo un éxito de venda. Eu téñolle especial cariño á marca do aniversario e creo que é unha marca que respira galeguidade e unha vinculación coa historio do club. É un traballo do que estamos orgullosos e non descartamos que poida ter máis percorrido máis alá do centenario.

—E das que veñen?

—Das que veñen, porque é inminente, a presentación do novo museo. Estamos moi contentos de como vai. Tivemos que traballar nel co condicionante de que é un espazo vello (o interior da bancada de Gol) e cunha serie de incomodidades e de que é un espazo que ten os días contados.

—Merece a pena traballar nun sitio que se vai derrubar?

—O valor do museo non é o espazo onde está, senón o contido e nós traballamos nun contido, que o día de mañá podemos trasladalo a outra parte do estadio ou incluso podemos levalo de xeito itinerante por toda Galicia. A día de hoxe vai estar situado na parte do antigo museo, pero cun concepto totalmente diferente. Neste novo museo fálase máis da historia, de antigos xogadores, dos fitos e inclúese unha parte de recorrido polo estadio que ata agora estaba como un pouco escondida.

—Que cree que vai quedar para o futuro deste centenario?

—Eu creo que quedará unha lembranza dun ano moi especial para o club, pero creo que a percepción do sentimento Celta vai saír moi reforzado ao termos tantas accións. Quen sabe se deses 1.500 nenos que estiveron no evento dos cativos a cantos conquistamos para ser celtistas toda a vida, quen sabe se co himno do centenario moita xente que non é do Celta namórase da canción e partir de aí sempre segue ao Celta. Nós entendemos todas estas accións como unha semente de celtismo e igual dentro dun tempo empezamos a recoller moito froito desde ano de tanto traballo.

«Tiñamos claro que debía ser unha celebración que partise do celtismo»

O Celta empezou a traballar nos actos do centenario incluso antes da pandemia, aínda que non tivo un equipo como tal ata principios do ano 2022. Dende o primeiro momento tiveron claro que a celebración partise do celtismo e que fose máis alá dos típicos actos de cada club centenario.

—Cando se empezou coa organización do centenario?

—Antes da pandemia xa se estaba traballando neste proxecto. A pandemia xerou unha situación dramática para todos os clubs e mudou un pouco a preparación. En firme, cun equipo formado, dende comezos do 2022.

—Para vostede que significa levar a coordinación do centenario?

—Un reto maiúsculo no profesional e no persoal, unha enorme satisfacción, porque teño a sorte de traballar un club do que son afeccionado dende que era cativo e a medida que pasan os días, teño a sensación de estar sendo tamén unha pequena parte da historia do club. Na miña casa somos celtistas, teño nenos pequenos, e teño a sensación de que algún día poderían dicir que o seu pai estaba traballando neste proxecto. Pero isto é un traballo coral, o meu labor só é coordinar.

—Fixáronse noutros clubs que xa celebraran o seu centenario?

—Si que nos fixamos no que fixeron outros clubs, porque debes ter unha referencia e coller as mellores ideas que pode haber no mercado, pero o que tiñamos claro é que tiña que ser unha celebración que partise do celtismo e que fose de todos, pero no só para o celtismo, senón tamén para a cidade e para Galicia. Tamén tiñamos claro que queriamos unha choiva de eventos, moi variados, e máis aló do esperado, como pode ser un partido de lendas.

—Con que orzamento contan os actos do centenario?

—Non é costume dar orzamentos, pero si que podo dicir que é un orzamento á marxe do resto do club. Non celebramos esta festa a conta do orzamento deportivo, por dicilo dalgún xeito.