Celta do Miño celebrou cinco anos de vida en Salvaterra xunto a Gabri e Carlos Domínguez 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

A peña celtista de Salvaterra festexou onte o seu quinto aniversario 

25 ene 2023 . Actualizado a las 11:20 h.

A peña celtista Celta do Miño celebrou onte os seus cinco primeiros anos de vida. Nesta data tan especial estiveron acompañados polos canteiráns Gabri Veiga e Carlos Domínguez. Tampouco faltaron o presidente da Fundación Celta, Germán Arteta; o da Federación de Peñas Celtistas, Pepe Méndez e o membro da directiva do club e excéltico Fernando Rodilla. Entre os asistentes estivo, así mesmo, o socio número 2 do Celta, Enrique.

Os dous futbolistas mostráronse moi cercanos cos peñistas, especialmente cos máis pequenos. Non só se fixeron fotos e firmaron autógrafos a todo o que llelo solicitou, senón que ata xogaron ao futbolín cos rapaces. «Foron súper amables, sobre todo cos rapaces pequenos. E cando miraron que había o futbolín, puxéronse a xogar», di o presidente da peña, Nardo Suárez.

Xuntáronse arredor de 180 persoas e non faltaron os pinchos e as intervencións dos convidados. «Eu intervín agradecendo aos participantes que viñeron acompañarnos e no que máis insistín é en que espero que poidamos ter un final de tempada tranquila», detalla o que é o máximo dirixente da peña desde a súa fundación, pois seguen mantendo a mesma directiva que cando crearon a agrupación.

Sobre estes cinco anos, conta Nardo que o balance é positivo, malia ao parón obrigado pola pandemia que afectou á actividade de todas as peñas de forma inevitable. Deixando ese paréntese á marxe, non faltan a Balaídos -desprázanse nun autobús que lles pon o Celta, compartido con outras peñas-, levan feito viaxes e tamén actos para os peñistas. O que si cambiaron é de sede, e agora están na tapería O Mordisco, onde tivo lugar a festa de onte.