Penalti sen liberdade de expresión

X. R. C. VIGO

GRADA DE RÍO

M.MORALEJO

05 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que a Lei Mordaza está en trámite parlamentario a piques de esmorecer, o mundo de fútbol segue igual de anquilosado e non permite que ninguén poida discrepar en público.

Un árbitro pode pitar todo unha área e nada noutra, medir a dous equipos con diferente raseiro e ampararse nun protocolo pouco entendible do VAR para facer das súas decisións dogma de fe, pero un futbolista que porta o brazal de capitán e que cinco segundos despois de rematar un polémico partido ponse diante dun micrófono non pode dar a súa opinión sen correr o risco de perder unha farta de partidos.

Coñecendo a Iago Aspas, as súas declaracións forman parte dun contexto futboleiro e son propias da sorna de quen medrou na rúa cun balón nos pés. O típico comentario que faría calquera afeccionado vestido de celeste logo de semellante ensalada de penaltis en contra.

Certo é que os futbolistas teñen unha responsabilidade importante dentro e fóra do terreo de xogo, pero igual de certo é que nun sistema democrático cadaquén é libre de dicir o que pensa sempre no que non caia no insulto ou na descualificación persoal, e tales cousas non aconteceron o sábado en Balaídos. A este paso, o fútbol terá que revisar unha das súas típicas frases de manual e pasar de «penalti e expulsión» ao «penalti sen liberdade de expresión».

Xogos de palabras á marxe, gustaríame saber que farían os señores do Departamento de Integridade da RFEF ou do CTA se a historia fose ao revés, e resultase que Benzema (ou semellante) fose o que se queixase. Entón tamén lle quererían aplicar o 100 bis ou mirarían para outro lado para non correr riscos cos poderosos?