«Non ven se es muller, ven se es unha persoa competente»

GRADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

Laura Centoira, coach deportiva da base, é actualmente a única muller que traballa sobre o céspede no Celta: «Se eu podo, outras moitas, tamén»

08 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Laura Centoira é a única muller actualmente sobre o céspede da Madroa -con permiso dunha fisio incorporada recentemente-. Leva exercendo de coach deportiva nas categorías inferiores do club vigués desde o ano 2017, cando realizou o primeiro de dous períodos de prácticas antes de que lle xurdise a oportunidade de quedar. «Sentinme moi integrada desde o primeiro momento. Nunca percibín ningún tipo de discriminación por ser muller. Acolléronme perfectamente. Eu creo que o que vían era se a persoa era competente ou non para o posto», relata a profesional con naturalidade.

Desa mesma maneira explica que tampouco ela se atopou incómoda en ningún momento en vestiarios de rapaces. «Teño un pasado como deportista -foi campioa de taekuondo- e estaba afeita a esas situacións. Tamén vai coa persoa, se es máis introvertida ou menos», afonda. Ademais, engade que o seu lugar de traballo, A Madroa, «é un sitio que ten moito encanto, chega un momento no que todo o mundo se sinte en familia. É coma un micromundo pequeniño», detalla.

Laura é consciente de que aínda que a presenza da muller do fútbol está crecendo -así coma o fútbol feminino en si mesmo-, aínda son minoría. «Iso é unha realidade que non podemos ocultar. As mulleres que estamos no mundo do fútbol somos unha entre un millón, pero cada vez vaise notando máis a nosa presenza en certos departamentos como fisios e tamén nos corpos técnicos», observa. O Celta, de feito, tivo á xogadora profesional Nati de Francisco como adestradora de base hai uns anos, ata que marchou de Vigo para xogar.

A coach xamais tivo a sensación de ser unha muller nun mundo de homes. E celebra que para as novas xeracións, coas que ela traballa, non hai nada de estraño en ver a unha muller como parte do equipo. «Estes rapaces acólleno seguramente con máis naturalidade que algún adulto. Sempre me sentín a gusto e non podo dicir o contrario», manifesta malia a ser consciente de que na sociedade a discriminación segue a estar «á orde do día» nalgúns ámbitos.

A mensaxe de Centoira é de folgos para que «cada vez máis mulleres se atrevan a entrar neste mundo, que non o vexan como algo pechado». Ela dá fe en base á súa experiencia de que «unha vez dentro, é marabilloso» e pide que se dean máis oportunidades. Así que anima a todas as partes: «Se eu podo vivir disto, moitas máis rapazas tamén poden».

Non só cando hai un problema

A materia que impartía Joaquín Dosil foi clave para que Centoira se interesara pola psicoloxía deportiva e acabase traballando no Celta. «O meu primeiro contacto foi a través das prácticas do grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Gustoume tanto esa materia, que decidín probar como era ese mundo cun primeiro período de prácticas», lembra. A partir de aí, especializouse, cursou un máster de psicoloxía deportiva e ao ano seguinte, volveu facer prácticas no club vigués e quedou. «No 2017 foi o primeiro contrato e a partir de aí, ata agora», explica.

Nos comezos estaba nun segundo plano, «aprendendo e observando como funciona non só este departamento, senón todo o club». Nas segundas prácticas xa comezou a ocuparse de casos individuais e a participar máis, mentres que a día de hoxe é «a persoa encargada das categorías inferiores», a profesional de referencia para a base neste ámbito. «Traballo no día a día cóbado con cóbado con todos os equipos que temos, cos seus corpos técnicos. Estou moito máis metida no miolo, por así dicilo», explica comparando cos seus inicios.

A súa metodoloxía é observacional. Precisa que parten da observación dos adestramentos e dos partidos e, desde aí, traballan en primeiro lugar cos corpos técnicos. «Fixámonos nas cousas que deben mellorar e nas que consideramos que fan ben e que hai que reforzar para que as sigan facendo», indica. Tratan de que os adestradores saiban como expresarse, relacionarse ou referirse aos futbolistas, entendendo que deste xeito «en certa maneira, tamén están mellorando ao xogador».

Máis alá dese traballo diario de base, tamén teñen sesións individuais cos xogadores. «Cada un ten os seus propios obxectivos e tratamos de que os vaian acadando», subliña. E pon énfase en que a súa intervención non ten que estar vencellada a dificultades concretas como unha lesión, falta de confianza por non ter protagonismo ou situacións similares. «Tratamos de que non recorran a nós só cando hai un problema. Queremos que nos vexan como unha figura para mellorar o seu rendemento atendendo a cuestións como a motivación, a confianza, a atención ou a concentración. Buscamos que melloren nesas variables».

Pon o exemplo de que non é o mesmo que o porteiro estea ben e sexa unha persoa motivada que que cada vez que comete un erro «entre en bucle». «Hai que traballar a xestión do erro. Cada caso é un mundo e queremos que se nos vexa como unha ferramenta máis para tratar de mellorar o seu rendemento», afonda. Incúlcano así desde os máis pequenos. «Eles ven que para os máis maiores xa estás integrado no seu equipo e xa te reciben dunha maneira máis aberta. Vai tamén coa evolución da sociedade, co avance do mundo en todo o relacionado coa psicoloxía e a saúde mental». Nese sentido, engade que vai sendo máis cotián que sexan os rapaces quen buscan esta axuda e non teñen que ser os profesionais do departamento os que anden detrás para concertar unha cita: «Cada vez hai máis naturalidade nese aspecto».

Os pais tamén son un factor importante no fútbol base. Aínda que a pandemia converteuse nun obstáculo para as xuntanzas presenciais con eles, si que tratan de facer dinámicas nas que participen. Ademais, Centoira tamén ten atendido a proxenitores a nivel individual que reclaman esta atención por situacións concretas. Preguntada polos recentes casos de liortas entre pais no fútbol galego, é firme: «Traballo con rapaces en formación non só no futbolístico, senón que están desenvolvendo a súa personalidade e os pais teñen que ser exemplo. Esas cousas non poden pasar. Hai que erradicalo completamente», pide.

Pasado de deportista

Desde a súa experiencia, ademais, constata que a rivalidade entre os nenos se vive con naturalidade e de maneira sa. Os derbis co Deportivo con o mellor exemplo. «Hai moitos derbis, comparten torneos e, moitas veces, autobús. Na base temos rapaces da Coruña, de Santiago… Cada vez somos máis», di ela, tamén da provincia da Coruña e que admite que algunha vez lle pode «caer un comentario como coruñesa», pero sempre cun bo ton. Menciona tamén que algunha vez a teñen «vacilado» polo seu pasado como deportista, algo que cre que lle axuda no seu labor. «Empatizas máis con eles, coñeces moitas das sensacións en situacións de competición, na previa, despois… Enténdelos porque ti tamén o pasaches».

A Laura resúltalle complicado responder que é o que peor leva do seu traballo. Non dá atopado resposta. «Supoño que escoitar algunha historia dura, todo o mundo ten algún problema. Pero segundo o escoito, quero solucionalo rápido, aportar axuda, buscar o camiño de saída. Sempre penso: ‘Non te preocupes, isto ímolo solucionar’». Conseguilo é precisamente a gran satisfacción xunto con ver como rapaces cos que trata dan pasos, chegando ao filial ou ao primeiro equipo. «Cando debutan e cando se manteñen, é o máis gratificante. Sabes que é o seu soño, repiten cada día que queren chegar aí e velos conseguilo é impagable».