Nino, 25 anos sendo un piar do Celta na sombra

Míriam Vázquez Fraga VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

M.MORALEJO

Nino, unha institución do Celta, acaba de retirarse tras un cuarto de século de discreto e duro traballo

01 mar 2022 . Actualizado a las 00:59 h.

Saturnino Vázquez García é unha institución do Celta. Coñecido e querido por todos cantos pasaron polo club no último cuarto de século, hai uns días que Nino daba o paso da xubilación tras exercer primeiro como utilleiro e de traballar despois na lavandería. Marcha feliz polo vivido, polas persoas coas que se cruzou e por unha emotiva despedida que di que non merecía. «Unha marabilla, de dez», proclama.

Nado en Boimorto pero vigués de adopción e seareiro do Celta desde moito antes de formar parte del, Nino traballou 18 anos nunha fábrica de calzado polas mañás, o que lle permitía sacar tempo para exercer de adestrador de fútbol base polas tardes -estivo moitos anos no Sárdoma-. Foi dese xeito como xurdiu a opción de incorporarse á entidade céltica. «Marcial xubilábase e ofrecéronme ir no sitio del», lembra. Durante un ano, os os dous estiveron xuntos, etapa que garda con agarimo: «Aí aprendín todo o que había que facer, ensinoume todos os trucos», agradece. Como logo faría el co actual utilleiro, Edu Fernández.

Porque o seu medo ao avión fixo que no ano 2005 Nino pasara á lavandería, aínda que conta que sempre seguiu colaborando con Edu e á inversa. «Foron moitos anos xuntos e estoulle moi agradecido», di. Asegura que sempre lle encantou o seu traballo. «Era un dos que abría a instalación, porque como ía tan cedo… Erguíame ás cinco ou seis da mañá porque espertaba pensando en ter todo preparado para os xogadores, corpo médico e corpo técnico», comenta. Admite que quizais lle pesaba esa responsalidade «de que estivesen perfectamente atendidos» e vaise coa tranquilidade de que sempre foi así.

E se o avión era o que lle daba dores de cabeza como utilleiro, na lavandería facíase máis custa arriba o mal tempo: «Supón moita cantidade de roupa: gorros, guantes, bragas, pantalón longo, chuvasqueiro… É máis duro có verán, pero sen problema», engade. Constata que hai quen pensa que este tipo de tarefas son doadas ou non se ten moi presente a súa importancia: «A xente non o imaxina, pero podían faltar un par de botas, espinilleiras, que non leve a equipaxe axeitada para xogar… Hoxe deciden os árbitros, pero daquela era unha responsabilidade grande».

M. Moralejo

De feito, rememora que nos seus inicios foron un verán xogar a Italia contra o Milan levando unha equipaxe que coincidía coas cores do equipo local. «Non foi culpa miña, levaba un mes e non mandaba nada. Pero alá fomos con equipaxe vermella e tivemos que xogar cunha que non era nosa. Nun partido que ata o dera a TVG. Menos mal que non era de Liga...», relata entre as gargalladas que permite o paso do tempo. Outro apuro que lle deixou pegada foi nun Málaga-Celta. «As equipaxes marcharan a Las Palmas e chegaron tres cuartos de hora antes do partido. Ao final non houbo problema ningún, pero pásalo mal».

Pola contra, nunca o pasou mal coa xente que o rodeou. «Formamos unha piña e pasas máis tempo con eles ca na casa. Un sabe mellor ca ningúen que os xogadores queren gañar. Gozas cando o conseguen e sofres cando non», expresa. Ten un recordo moi especial de José Manuel Pinto. «Era un rapaz excelente. Estivo moitos anos e ao principio non xogaba. Cos que teñen menos protagonismo, convives máis no vestiario. Cando os outros saen, parece que lles botas unha man: ‘Veña, jobá, que hoxe non xogas pero o que hoxe é negro igual mañá é branco». Gábase de que sempre mimou moito á canteira e que xente como Sergio Álvarez ou Kevin Vázquez, que non sempre tiveron as cousas doadas e que son «traballadores a morte, sempre cara adiante e sorrindo» son a súa debidilidade. E non é menos Iago Aspas: «Iaguiño é un monstro, un fenómeno, eu a morte con el e el comigo. Eu dicíalle: 'Es o máis listo da clase'. E el contestaba: 'Pillo, Nino, pillo, non fai falta correr para meter goles, hai que ser pillo. É dun dez para arriba tamén como persoa».

No seu corazón hai oco para todos, desde Boban, que «estivo pouco tempo, pero demostrou ser un chaval excelentísimo cunha dedicación terrible» a Albert Celades, que lle mercou unha radio ao saber que non vía os partidos polo nervioso que se poñía. De Mostovoi di que «desde fóra tiña ese carácter forte porque era un gañador nato, quería ser o mellor, como Valeri Karpin, Makelele ou Penev, pero eran moi cercanos e defendíante a morte». Nese sentido, pon o exemplo de cando estrearon un campo da Madroa e caían os balóns ao zoo. Eles foron os primeiros en pedir ao club unha solución para que Nino non tivese que ir buscalos.

Comenta que Mazinho «non tiña ese carácter tan forte» pero era outra persoa extraordinaria ao que tamén lle garda moito cariño, coma aos seus fillos, aos que coñeceu de nenos como a Aspas. A quen compara co Zar na forma de ser é a Luis Enrique. «De portas para fóra tiña ese carácter, pero dentro era moi cariñoso. Ía con eles ás ceas e dicía: ‘Nino, ti aquí, ao meu carón'». Fala marabillas tamén de Berizzo e do Chacho, aos que xa coñecera de futbolistas, como de Paco Herrera, Lotina ou Fernando Vázquez, entre os que se lle veñen á cabeza. «Tiven moi boa relación con todos».

Oscar Vázquez

Co lema no vestiario de «oír, ver e calar», confesa que coñeceu á perfección as manías de cadaquén. «Sempre hai o que quere levar a súa roupa interior, os calcetíns, unha camiseta interior por dentro, o que lle rezaba a algún santiño antes do partido… Lembro a Catanha, que quería levar o anel de casado atado ao cordón do pantalón. Xogamos o Trofeo Xacobeo en Santiago contra o Madrid e perdeu o anel. Veu onda min para dicirmo e alá fomos ao final do partido a buscalo, pola zona da área onde se movía el. E atopámolo!».

Nino viviu momentos moi bos no eido deportivo -«lembro ao comezo, que chegaba o parón de seleccións e quedabamos Marcial e máis eu sós xogando ás cartas»- e tamén malos con descensos e salvacións agónicas. «Menos mal que tiñamos ao Príncipe de Moaña. En Segunda pásase moi mal, tamén coas condicións de traballo dalgúns campos, que non son as mesmas», constata. Prefire nin lembrar a final de Copa do 2001 e recoñece que lle marcou vivir desde dentro xestas europeas coma as vitorias ante Benfica, Juve ou Liverpool. «Anfield foi o campo que máis me marabillou», sinala. Tamén lamenta que naquela época a xente da canteira non o tiña fácil para chegar: «Moitos quedaron polo camiño».

Aínda que desde o club lle ofreceron continuar, el sentía que os 65 anos que cumpriu hai uns días eran o momento de descansar e dedicar máis tempo á familia, «que o merece». Agora, desde outro ángulo, seguirá pendente de todo canto teña que ver co Celta. Pero o seu sitio en Balaídos pasa a estar en Tribuna. Coma un celtista máis, pero que ten o privilexio de que foi parte fundamental da entidade e testemuña de case 25 anos da súa historia.

Oscar Vazquez