O Celta estrea un novo perfil de Twitter integramente en galego

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

RC CELTA

O escaso uso da lingua na conta oficial espertara críticas nos últimos tempos

01 feb 2022 . Actualizado a las 18:32 h.

O Celta vén de estrear esta tarde un novo perfil de Twitter que suma aos dous preexistentes: o principal, que ata o de agora combinaba español e galego, e outro en inglés de creación posterior. Precisamente, nos últimos tempos xurdiran críticas polo escaso -e en ocasións incorrecto- uso do galego na conta que o club ten nesta rede social desde o ano 2011.

Nas últimas horas, de feito, xurdira unha iniciativa por parte da afección dunha conta non oficial en galego que pretendía traducir os chíos que a entidade viña publicando orixinalmente en español ao tempo que animaba á entidade a dar un paso coma o que acaba de anunciar. Esta conta adquirira más de mil seguidores antes de acadar os seus dous primeiros días de vida. 

O club vigués atende así unha demanda que se intensificara nos últimos tempos. En cambio, a resposta de parte dos afeccionados a través de Twitter non foi nada positiva. Entenden que se está illando e marxinando ao galego ao eliminalo da conta principal e deixalo limitado a unha conta específica. Tamén hai quen pensa que é un bo paso.

Esta foi unha cuestión que abordaron os accionistas na última xunta; tamén na enquisa de La Voz ás peñas celtistas -con 77 participantes- se lles preguntara que opción preferían dado o debate existente: o 40,3 % decantábase pola alternancia das dúas linguas nun mesmo perfil, mentras que 37,7 % pedía que se usara só o galego; 0 16,8 % prefería perfís diferenciados para cada lingua -o paso que vén de dar o Celta- e só o 5,2 % era partidario de empregar só español. Previamente, tamén se formulara esta enquisa ao respecto:

«O RC Celta reafirma a súa identidade e reforza o seu compromiso co idioma galego coa creación dunha conta de Twitter que informará aos seus afeccionados exclusivamente nesta lingua. Os seguidores celestes atoparán en @RCCeltaGL toda a información sobre o club e o equipo en galego, idioma que a entidade celeste utiliza de maneira habitual en todo tipo de comunicacións coa súa afección», indican nun comunicado na súa web. Engaden que seguen os pasos doutros clubes como FC Barcelona, Athletic Club, Real Sociedad, Valencia, Levante, Osasuna, Villarreal, Elche ou Alavés, que levan tempo seguindo este modelo.