Cinco peñas máis súmanse a Siareiros Celta Vigo

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

M.Moralejo

Carcamáns, Colectivo Nós, Fóra de Xogo, Natxo Insa e Comando Celta entran a formar parte do colectivo que coordina a grada de animación

16 nov 2021 . Actualizado a las 10:16 h.

Siareiros Celta Vigo, colectivo que coordina a grada de animación de Balaídos, vén de anunciar a adhesión de cinco novas peñas celtistas. Son Carcamáns, da Illa de Arousa -a peña con máis integrantes de cantas existen- e as viguesas Colectivo Nós, Fóra de Xogo, Natxo Insa e Comando Celta. Desde a conta oficial deuse a benvida a cada unha delas e varias amosaron tamén a súa satisfacción por sumarse.

«Na tempada na que voltamos a ser nós, seguimos co vigor de crear un espazo celtista, popular, integrador e con forte identidade onde todo o celtismo se sinta protagonista. SCV dá a benvida aos colectivos e peñas que se unen este ano ao noso proxecto de bancada», indican. Logo comezan o recibimento unha a unha co Colectivo Nós: «É unha auténtica ledicia que o Colectivo Nós se integre na nosa agrupación, onde o galeguismo, o celtismo e a defensa da cultura que herdamos son valores fundamentais».

Proseguen cos Carcamáns: «Un pracer recibir a unha peña tan numerosa e comprometida. Dende a Illa de Arousa con bravura e auténtico espírito mariñeiro». Comando Celta vén aportar «celtismo veterano»: «Estará este ano sumando voces desde o recuncho de Río Baixo. Dende 1987, co Celta por bandeira. Ante todo, moita caña!». Diferente é o perfil de Fóra de xogo, agrupación que vén de reactivarse tras un período de inactividade: «Trala súa volta á actividade tras 18 anos, é unha honra para nós dar a benvida a unha peña como Fóra de xogo. . O ar dos tempos dourados son chegados!».

Por último, refírense á peña que leva o nome do excéltico Natxo Insa: «Será outro dos colectivos que sumará gorxas, palmas e paixón. Algueirada dentro e fóra das bancadas!». E rematan o fío de Twitter cunha declaración de intencións: « Xuntos contribuiremos cos nosos esforzos a crear unha bancada mellor, soberana e toleadamente celtista; onde as nosas voces berren polos nosos máis alá dos 90 minutos. Sempre Celta».

Siareiros Celta Vigo naceu en xullo do 2019 co obxectivo de «construír unha bancada mellor». Inicialmente estaba constituída por Baixo Miño, Boinas Celestes, Celtabirras, Fútbol de Salón, Irmandiños 1923 e Tropas de Breogán. Tamén outras como Merlegos Celestes teñen peñistas nesta bancada.