«Oxalá no futuro poida estar ligado ó fútbol, pero agora a miña prioridade é a familia»

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

Serio Álvarez conta como ve ao Celta esta tempada e valora o papel de Matías Dituro

10 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sergio Álvarez foise agradecido ó Celta, restándolle importante ós sacrificios que el fixo polo club e desexando volver estar vinculado ó fútbol nun futuro, pero agora a súa cabeza está centrada na familia. Iso non significa que sexa un observador privilexiado da actualidade e dende esa atalaia de case dúas décadas na portería do Celta, eloxia o papel de Dituro e amosa o seu pleno convencemento de que volverán os días de luvas exclusivas da Madroa á portería do Celta. Non o di por militancia, senón por coñecer o traballo que se fai na base. E máis agora, coa escola de porteiros que leva o seu nome e na que axudará na medida das súas posibilidades.

-Pensa que o Celta o tratou como merecía ó longo de todos os anos que estivo en activo?

-Si. Isto é fútbol profesional e non todo vai ser positivo, hai altos e baixos como en calquera relación persoal, pero no global, eu só podo estar agradecido ó Celta. A min o club deumo todo a nivel profesional.

-Eles tamén poden estar agradecidos de que vostede fixese cousas como ir a Perú ida por volta a presentar unha escola.

-Iso son cousas miñas persoais que me gusta facer cando hai nenos de por medio. Son pequenos sacrificios que eu fago, pero é porque me gusta facelos por poder axudar ós nenos. Só chegar alí e ver a ilusión que teñen non hai nada que o poida pagar.

-O club séguese interesando por vostede?

-Estamos en contacto, agora veño de inaugurar a escola de porteiros que leva o meu nome e intentarei estar alí o máximo posible, intentar axudarlles os nenos, oxalá que veñan nenas tamén, e que gocen da experiencia.

-Como foi a xestación da escola?

-Foi unha proposta da Fundación e a verdade é que me fixo moita ilusión. Non poderei estar adestrando, pero si axudando en todo o que sexa posible.

-Como se ve no futuro?

-Non o sei, oxalá poida seguir ligado ó fútbol, pero polo de agora, a miña cabeza está metida na miña familia e en intentar axudar todo o que poida para que os meus fillos teñan o mellor futuro e que sexan as mellores persoas posibles.

-Séguese formando como adestrador?

-Rematei o nivel tres, só me quedan as prácticas, e se o xeonllo mo permite, facer o curso de adestrador de porteiros.

-E se non llo permite, vese nun despacho futbolístico?

-É o que menos se me pasa pola cabeza. Non me gustan os despachos, son moi de estar no campo intentando axudar.

-Mudando de tema, e falando de actualidade. Que lle parece Dituro como porteiro?

-Está facendo un gran inicio de tempada, sobre todo porque está sendo un porteiro que inflúe nun partido nun momento que pode facelo. Parar tres penaltis de catro é moi complicado. Está chamando a atención e para o Celta está sendo unha boa noticia e oxalá siga nese estado, que vai axudar. Chegou nun momento de madurez e confianza ó club.

-O malo é que se rompe esa xeira de tantos anos con porteiros da casa.

-Por ese lado non é que guste. Dende logo que eu prefiro esa tradición, pero non teño dúbida de que co traballo que se está facendo, volverán eses tempos de porteiros da casa, seguro.

-Como ve a situación do equipo logo deste arrinque?

-O inicio de campaña non foi bo e iso nunca tranquiliza nin á afección nin ó equipo. Cando empezas mal, sempre chegan as dúbidas, pero logo desas dúas vitorias, tranquilizouse un pouco todo e vendo o equipo, creo que o obxectivo de ter unha tempada tranquila non vai ter problema. Doado non será, de todos los xeitos, porque a liga está moi igualada, diría que máis que nunca.