Unha historia de «amor e sacrificio» polo Celta

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Javier Rodríguez é un dos afeccionaos que fixeron quilómetros e perderon horas de sono para gozar en directo en Balaídos da vitoria fronte ao Granada

29 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Rodríguez Gómez, afeccionado do Celta ao que coñecen como Javi Celes, falaba da súa presenza en Balaídos este luns como una «historia de amor e sacrificio». Porque para ser testemuña da vitoria do Celta fronte ao Granada e logo atender aos seus compromisos laborais, estivo na cama arredor de tres horas. «Menos mal que se gañou», engadía deixando claro que, polo menos desta volta, o esforzo de acudir desde Burela, onde reside, pagou a pena.

Máis alá do tuit co que quixo compartir este esforzo que fixo polo seu equipo, réstalle importancia porque sabe que son moitos os celtistas que con independencia do horario, acoden desde distintos puntos de Galicia. E explica o seu caso: «Luns e martes tiña turno de mañá. Alarma ás 5.04 e xa non era a primeira vez que o facía, e ao vir meu irmán -presidente da peña de Burela, da que el é tesoureiro e que presidiu no pasado o pai de ambos- pois puiden descansar algo no coche, pero non quita que logo haxa que subir á casa, ducharse e volver deitarse», di.

A Javier véñenlle de familia tanto o celtismo coma as «cafradas» por ver ao equipo. «Meu irmán ten feito destas moitas veces. Vivindo aos quilómetros que vivimos e querendo ir a Balaídos, ás veces é o que nos toca», asume este traballador da Alcoa de San Cibrao. «Os horarios téñoos de 6 1 14, de 14 a 22 e de 22 a 6. A algún non podo ir por esa razón, pero intento sempre e cando me cadren ben os turnos», comenta. Tamén tivo que faltar nalgunha ocasión cando lle coincide con partidos do seu equipo, o Xove Lago de Primeira Rexional.