Ramón, o dono da perruquería onde ondea a bandeira do Celta

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

Alonso, celtista de berce de case 70 anos, ten «arranxado a adestradores, presidentes e xogadores» no seu establecemento de Castrelos

23 ago 2021 . Actualizado a las 09:33 h.

Ramón Alonso (Vigo, 1952) cumprirá o ano que vén 70 anos. Aínda que socio do Celta oficialmente desde 1974 -os nenos pasaban gratis e logo conta divertido que tivo un carné falsificado co libro de familia do seu curmán e a súa foto ata ter o seu propio á volta da mili-, calcula que leva uns 57 asistindo a Balaídos e sentindo a paixón polo equipo. A iso suma algúns menos, pero non poucos, exercendo o seu traballo na Perruquería Ramón, en Castrelos, por onde teñen pasado como clientes persoeiros relevantes da historia do clube que hoxe celebra o seu 98 aniversario.

O primeiro carné, falsificado, que conserva Ramón
O primeiro carné, falsificado, que conserva Ramón

No seu negocio, onde sempre ondea a bandeira do Celta cando xoga o equipo ten «arranxado a xogadores, adestradores, presidentes...». «Tiven a sorte de ter a Colin Addison, Félix Carnero, Castro, Gelo... Del Cura, que aínda vén agora, Herminio...Tamén é cliente meu o regatista que acaba de acadar unha medalla, Nico Rodríguez, un chavaliño que é unha marabilla», relata orgulloso.

Ramón explica que o Celta é unha parte importante da súa vida. «Cando perde, pásoo mal. É como se che vai mal o negocio, se non tes traballo... Se non vai ben, aféctache. E se vai ban parece que traballas mellor, estás máis contento, máis alegre», di. Presume de que todo o mundo sabe que é celtista, do mesmo xeito que calquera que pase pola súa casa sabe ipso facto que alí reside unha familia apaixoada do equipo . «A miña casa é inconfundible, sempre coa bandeira posta nun mastro en Castrelos. É un sinal de identidade para nós. Pasas e dis: ‘Esta é a casa de Ramón’. Todo o mundo coñece».