Xorde unha corrente en Twitter para pedir ao Celta que empregue máis o galego

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

RC CELTA

Os usuarios perciben que as publicacións do clube en lingua galega descenderon nos últimos tempos

16 jul 2021 . Actualizado a las 10:24 h.

Baixo o cancelo -hashtag- #Celtaengalego, un bo número de afeccionados están a pedir nas últimas horas ao Celta a través de Twitter que empregue máis o galego nas súas comunicacións oficiais e, máis concretamente, nas redes sociais. Perciben que, dun tempo a esta parte, decreceu o número de publicacións nesta lingua nas contas oficiais, en beneficio do español. Ademais, no vídeo promocional da presentación da camiseta da vindeira temporada úsanse italiano e inglés xunto co español, pero non aparece o galego, detalle que tampouco pasou desapercibido.

Ao longo deste xoves, despois de que a reivindicación comezara a véspera, cada chío do Celta durante o día obtiña varias respostas que incluían #CeltaenGalego. Finalmente, logo de varias publicacións en Twitter en español, o chío no que se anunciaba a incorporación de catro xogadores á concentración do equipo en Marbella este sábado estaba escrito en galego. Mentres algúns usuarios celebraban esa elección, a outros parecíalles insuficiente. Tamén había quen lembraba que o clube non deixou de chiar en galego nunca, senón que alterna as dúas linguas na súa conta principal -á que suma outra en inglés de máis recente creación-.